Máis de 160 ciclistas competirán este domingo na Montefaro Enduro Race 2025 que conta con apoio da Xunta de Galicia
A delegada territorial de Ferrol, Martina Aneiros, participou esta mañá no Concello de Ares na presentación desta proba organizada polo Club Pulpeiros e que é puntuable para a Copa de España de BTT Enduro
Ares (A Coruña), 20 de maio de 2025
A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, participou esta mañá no Concello de Ares na presentación da Montefaro Enduro Race 2025, unha das probas puntuables para a Copa de España de BTT Enduro que reunirá a 163 participantes o próximo 25 de maio nas pistas do entorno de Montefaro e o miradoiro da Bailadora.
Aneiros felicitou ao Club Pulpeiros pola organización desta proba que cualificou de referente tanto a nivel galego como estatal dentro do mundo do ciclismo de montaña. “Son xa once edicións levando a Montefaro Enduro Race ata o máis alto, e dende hai oito anos, formando parte do calendario nacional agora proba puntuable para a Copa de España de BTT Enduro e noutras ocasión para o Campionato de España, o que demostra o prestixio e a excelente organización desta cita”, indicou a delegada territorial.
A representante autonómica tamén aludiu na súa intervención á oportunidade que supón celebrar esta proba na zona de Ares e Mugardos, “á hora poñer en valor o noso patrimonio paisaxístico, a nosa riqueza medioambiental e o potencial turístico e deportivo da comarca de Ferrolterra” e comprometeu o respaldo da Xunta a iniciativas que promoven o deporte, o respecto polo medio natural e a dinamización do territorio.
A carreira, que inclúe diferentes etapas nas que os corredores compiten contrarreloxo durante os tramos de descenso cronometrados, disputarase nas categorías elite, sub 23, junior, cadete, ma ster 30, master 40, master 50, master 60 e enduro. Tamén haberá categoría amateur e eléctrica. O paddock da proba estará emprazado no parque Rosalía de Castro, en Ares.