A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático firmou un convenio de colaboración co alcalde da localidade
A Xunta e o Concello de Rois destinan preto de 325.000 € á construción dunha nova edar no núcleo de Sorribas para mellorar o saneamento na localidade
Ángeles Vázquez explica que a previsión é que esta nova infraestrutura estea rematada no segundo semestre do vindeiro ano 2026 e que dea servizo a unha poboación de preto de medio cento de veciños
A conselleira subliña que Augas de Galicia aportará o 80% do orzamento necesario e a Administración local, o 20% restante
Lembra que, aínda que a prestación dos servizos de saneamento é unha responsabilidade de competencia municipal, a Xunta leva anos prestando o seu apoio técnico e financeiro aos concellos que o necesiten
Rois (A Coruña), 20 de maio de 2025
A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, e o alcalde de Rois, Ramón Tojo, asinaron hoxe un convenio de colaboración para a construción dunha nova estación depuradora de augas residuais (EDAR), no núcleo de Sorribas, por preto de 325.000 euros, co obxectivo de mellorar o saneamento nesta localidade coruñesa.
Segundo o convenio asinado hoxe, a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, a través de Augas de Galicia, aportará o 80% do orzamento necesario e a Administración local, o 20% restante. Cómpre indicar que este proxecto será financiado ao abeiro do Fondo europeo agrícola de desenvolvemento rural (Feader).
Durante o acto de sinatura, Ángeles Vázquez explicou que a previsión é que esta nova infraestrutura estea rematada no segundo semestre do vindeiro ano 2026 e que dea servizo a unha poboación de preto de medio cento de veciños.
En concreto, construirase unha nova EDAR, que contará cos seguintes elementos: pretratamento, fosa séptica soterrada e humidal de fluxo subsuperficial. A maiores, tamén se acometerán as obras de dous colectores -e os seus respectivos pozos de rexistro-.
Colaboración coas administracións locais
Tal e como lembrou a conselleira, aínda que a prestación dos servizos de saneamento é unha responsabilidade de competencia municipal, a Xunta leva anos prestando o seu apoio técnico e financeiro aos concellos que o necesiten.
Nesa liña, Augas de Galicia conta este ano 2025 cun orzamento de 144 millóns de euros, un 5% máis que o exercicio anterior, para seguir optimizando o saneamento e o abastecemento coa mellora de infraestruturas, a formación e divulgación e a execución de políticas activas de resposta ao cambio climático.
O obxectivo é colaborar cos concellos para contribuír a profesionalizar a xestión da auga, garantir o bo estado ecolóxico dos ríos e das rías de Galicia e a mellorar a calidade duns servizos que son básicos para a cidadanía.
Esta liña de colaboración viuse reforzada coa Lei de mellora da xestión do ciclo integral da auga, aprobada no ano 2022 e que desenvolve ferramentas de apoio aos municipios en materia de depuración e saneamento ante as dificultades técnicas e financeiras que teñen algúns deles para asumilo, facilitando que este servizo se poida prestar directamente pola Xunta mediante un sistema de adhesión voluntario.
Ademais, Augas de Galicia tamén colabora cos concellos tanto na realización dos labores de mantemento e reparación axeitados para protexer as infraestruturas existentes e conservalas nas condicións óptimas para a prestación dos servizos como na reposición das infraestruturas vinculadas á xestión do ciclo integral da auga cando esgoten a súa vida útil.