A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático participou na presentación da Oficina de Economía Circular Industrial
A Xunta creará unha bolsa para o intercambio de residuos e subprodutos entre empresas co fin de aproveitar ao máximo os recursos dispoñibles
Este instrumento para axudar ás empresas constituirase ao abeiro dun dos grupos de traballo previstos dentro da Oficina de Economía Circular Industrial e o obxectivo é que se poña en marcha ao longo do próximo ano
A conselleira destaca que esta ferramenta para conectar ao empresariado busca que os recursos que unhas compañías desbotan poidan ser usados como materia prima por outras, reducindo así a xeración de lixo industrial e impulsando a circularidade
Ángeles Vázquez salienta que a oficina circular industrial permitirá ver as carencias e oportunidades na xestión dos refugallos do tecido empresarial galego e lembra que o aproveitamento de todos os materiais dispoñibles pode facer a diferenza nun contexto global de escaseza de recursos
Santiago de Compostela, 20 de maio de 2025
A Xunta creará unha bolsa de subprodutos en Galicia para promover o intercambio entre as empresas de recursos sobrantes, residuos e restos de produtos co fin de optimizar o aproveitamento das distintas materias dispoñibles e avanzar con paso firme no camiño cara a implantación do modelo de economía circular na comunidade.
A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, explicou durante a presentación da Oficina de Economía Circular Industrial que este instrumento se creará ao abeiro dun dos grupos de traballo que se constituirán baixo o paraugas da oficina co obxectivo de que se poña en marcha ao longo do próximo ano.
O fin último, detallou, é que os recursos que unhas compañías desbotan -ben porque carecen de maquinaria para reutilizalos e darlle unha segunda vida ben porque para elas son un residuo- poidan ser aproveitados por outras como materia prima reducindo así a xeración de lixo industrial e promovendo a economía circular do conxunto do tecido produtivo da comunidade. “Non hai mellor exemplo de economía circular ca ese”, aseverou a representante do Executivo autonómico.
Por iso, a conselleira mostrou a confianza en que a creación desta bolsa será de utilidade para as empresas galegas e animounas a recorrer ao asesoramento que ofrece a Oficina de Economía Circular Industrial -que se suma á municipal presentada a semana pasada- para avanzar cara a un modelo produtivo máis sostible no que se minimice o desperdicio e se maximice a reutilización dos distintos recursos.
A responsable autonómica salientou que a posta en marcha das dúas oficinas de economía circular -a industrial e a municipal- supoñen un investimento ata 2028 de máis de 2 millóns de euros co fin de acadar de xeito integral un modelo socioeconómico circular, de óptimo aproveitamento dos recursos e máximo respecto ao medio ambiente.
Entre as tarefas deste novo instrumento de apoio ao tecido produtivo inclúense o asesoramento xeral ás empresas, a elaboración de estudos e informes en materia de xestión de residuos, así como guías e manuais, ou a creación dun inventario galego de accións circulares para coñecer o estado real da economía circular en Galicia desde o punto de vista empresarial. A maiores, prevese a constitución de distintos grupos de traballo entre os que se inclúe o da bolsa de subprodutos, outro dirixido aos xestores de residuos industriais ou un terceiro co obxectivo de crear parques empresariais circulares nos que se fomente a simbiose entre as empresas asentadas neles.
Ángeles Vázquez puxo en valor que este tipo de medidas contribúen a impulsar unha industria moderna e respectuosa co medio ambiente, algo moi relevante nun contexto global de escaseza de recursos e no que o máximo aproveitamento das materias primas dispoñibles, aplicando a investigación e as últimas tecnoloxías, poden facer a diferenza.
Por iso, incidiu en que a Oficina de Economía Circular Industrial vai ser unha ferramenta moi útil para detectar, a través da colaboración público-privada, as carencias e oportunidades existentes no mercado e avanzar cara unha sociedade comprometida en todos os sentidos coa economía circular, que aposte pola reutilización dos materiais e por elevar as taxas de reciclaxe o máximo posible.
Estratexia clara
A creación desta oficina -que se suma á lanzada a semana pasada para asesorar aos concellos- forma parte da aposta da Xunta por acadar a excelencia ambiental mediante a coordinación coas entidades locais e co sector privado. O obxectivo último é avanzar nun modelo económico e social que aposta pola circularidade, en liña coa Estratexia Galega de Economía Circular 2030 e coa Estratexia Galega de Cambio Climático e Enerxía, elaboradas tendo en conta os principios que emanan do Pacto Verde Europeo.
Neste sentido, en Galicia o cumprimento da normativa en materia de xestión de residuos é fundamental para avanzar no eido da sostibilidade, motivo polo que o Executivo galego desenvolveu o Plan Sectorial de Xestión de Residuos Municipais de Galicia 2030 e o Plan Sectorial de Xestión de Residuos Industriais de Galicia 2030, dous documentos clave nesta materia e para a economía da comunidade.