Román Rodríguez destaca que proxectos como Marumasat VII, da Axencia Espacial Escolar Galega, demostran o bo nivel do alumnado galego en ciencias
O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP participa no acto de lanzamento desta cápsula estratosférica construída por alumnos
Toman parte nesta iniciativa estudantes e profesores de centros de Cerceda, Nigrán, Oleiros, Ordes, Ponteceso, Santiago de Compostela e Vila de Cruces
Santiago de Compostela, 20 de maio de 2025
O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, participou esta mañá na Cidade da Cultura no lanzamento da cápsula estratosférica MarumaSat VII. Trátase dun proxecto da Axencia Espacial Escolar Galega (NOSA) no que se realizan misións de exploración mediante a utilización de globos-sonda meteorolóxicos que ascenden a uns 30.000 metros de altitude, onde toman mostras que se recollen tras unha viaxe de planeo polos ceos galegos.
O titular do departamento educativo da Xunta destacou que este tipo de proxectos, que estimulan as competencias STEM, “son un claro exemplo de bo nivel que ten o alumnado galego en ciencias”. “Non en balde, a nosa Comunidade está no primeiro posto do Estado en competencia científica con 506 puntos, 21 máis que a media española e da OCDE”, lembrou o conselleiro.
Román Rodríguez felicitou a rapazada e profesorado desta misión científica e animounos a continuar impulsando proxectos que, coma este, “promoven o traballo colaborativo entre distintos centros e integran de xeito práctico diferentes coñecementos, favorecendo a aprendizaxe creativa e interdisciplinar”.
Nesta sétima edición, a misión Marumasat explora os efectos das viaxes estratosféricas (incluída a exposición a radiacións ionizantes) en protozoos ciliados, concretamente Tetrahymena. Ademais, recolle mostras de aire a diversas altitudes para valorar a presenza de vida microscópica e realiza medicións de diversas magnitudes físicas para a observación e estudo atmosférico. Participan no proxecto os institutos IES Miraflores (Oleiros), Maruxa Mallo (Ordes), Eduardo Pondal (Ponteceso), Arcebispo Xelmirez II (Santiago de Compostela) e Marco do Camballón (Vila de Cruces), así como o Centro Público Integrado O Cruce (Cerceda) e o Centro de Educación Especial de Panxón (Nigrán).