A Xunta defende o papel da administración na democratización da tecnoloxía con garantía de seguridade e privacidade

O director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia inaugurou hoxe na Coruña o XI Congreso Internacional de Privacidade

O responsable da Amtega destacou o compromiso da Xunta coa regulación da intelixencia artificial, o cumprimento do Regulamento europeo e a protección da competitividade

A Coruña, 26 de maio de 2025

A Xunta de Galicia está a cumprir coa responsabilidade como Administración pública de actuar como axente transformador da sociedade no desenvolvemento tecnolóxico, así como asegurar o acceso ás tecnoloxías con seguridade e garantía de privacidade e respecto aos dereitos das persoas, segundo destacou hoxe o director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Julián Cerviño.

Neste sentido, destacou o compromiso do Goberno galego co regulamento da IA e o cumprimento da lexislación europea sen comprometer a competitividade das empresas e a súa contribución á soberanía dixital de Europa.

Cerviño inaugurou, esta mañá, na Coruña o XI Congreso Internacional de Privacidade, que organiza a Asociación Profesional Española de Privacidade (APEP). A xornada céntrase na adaptación do desenvolvemento da intelixencia artificial aos regulamentos sobre protección da datos persoais. Entre os participantes atópanse o presidente da Axencia Española de Protección da Datos, Lorenzo Cotino, o director xeral da Confederación Europea de Organizacións de Protección de Datos, Paul Jordan, así como representantes da Comisión Europea, responsables de grandes empresas tecnolóxicas e compañías que xestionan datos, como Inditex, ou expertos da Universidade.

O director da Axencia autonómica referiuse aos aspectos relacionados coa protección de datos da Lei para o Desenvolvemento e Impulso da Intelixencia Artificial en Galicia, que é a primeira que se adopta no marco rexional europeo. En concreto, mencionou o papel dos comisionados de IA cos que contarán todos os departamentos da Administración para garantir a privacidade dos sistemas e canalizar as posibles queixas ou suxestións das persoas usuarias. Sinalou, así mesmo, que a Lei obriga a que todos os sistemas de IA que utilice a Administración conten cun informe de proxecto que debe incluír unha avaliación de impacto e un Plan de Xestión de Datos, e que estará validado pola Oficina Galega de IA.

Data de actualización: 26/05/2025