Castro de Rei acollerá o 31 de maio o Campionato Galego Contra Reloxo Individual de Ciclismo co apoio da Xunta

O delegado territorial, Javier Arias, participou hoxe na presentación da proba, que terá un percorrido de 19,7 quilómetros e outro de 13,9, ambos con saída e meta en Castro de Ribeiras de Lea

Castro de Rei (Lugo), 26 de maio de 2025

Castro de Rei acollerá o próximo sábado, 31 de maio, o Campionato Galego de Contra Reloxo Individual de Ciclismo en estrada coa colaboración da Xunta.

O delegado territorial, Javier Arias, participou hoxe na presentación da proba, impulsada pola Federación Galega de Ciclismo. No acto estivo o alcalde, Francisco Balado; membros da organización e representantes doutras institucións implicadas.

A carreira comezará ás 16,00 horas e terá dous percorridos, un de 19,7 quilómetros e outro de 13,9. O primeiro afrontarano as categorías femininas e masculinas Júnior, Sub-23 e Elite e a categoría Máster feminina; e o segundo será para deportistas que compitan en Infantil, Cadete e Paraciclismo. A saída e a meta estarán en Castro de Ribeiras de Lea para todas as distancias.

Arias valorou que a provincia de Lugo acolla por segundo ano consecutivo este campionato, que en 2024 tivo como escenario A Pobra do Brollón. Agradeceu o labor da Federación Galega de Ciclismo, que impulsa esta modalidade deportiva co apoio económico da Secretaría Xeral para o Deporte a través dun convenio anual.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 26/05/2025