A Xunta avalía cos axentes da I+D+i galega os instrumentos de apoio postos en marcha e inicia a definición da nova convocatoria de misións

A Consellería de Ciencia celebra tres mesas de traballo con diferentes entidades no marco do proceso de avaliación intermedia da Estratexia de especialización intelixente de Galicia 2021-2027

Santiago de Compostela, 26 de maio de 2025

A Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP celebrou hoxe varias mesas de traballo cos distintos axentes do ecosistema galego de I+D+i para avaliar a implementación da Estratexia de especialización intelixente de Galicia 21-27 (RIS3), a folla de ruta da política de I+D+i, no ecuador do seu período de execución, así como os seus instrumentos e apoios.  Así mesmo, a xornada serviu para iniciar a definición conxunta da convocatoria de Misións RIS3 do ano 2026, unha liña de axudas dirixida a apoiar proxectos colaborativos de I+D+i que axuden a dar resposta aos retos establecidos na Estratexia.

A directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo, agradeceu a participación dos representantes de centros tecnolóxicos, universidades, organismos de investigación, sector empresarial, sociedade e Administración que participaron nestas xornadas de avaliación. Destacou a oportunidade que supón este encontro para extraer conclusións que permitan á Xunta afinar e enriquecer os instrumentos que se poñan en marcha a partir de agora no marco do Plan galego de investigación e innovación 2025-2027.

A participación dos axentes artellouse a través de tres mesas de traballo, cada unha delas centrada nun dos tres retos da Estratexia: un novo modelo de xestión dos recursos naturais e culturais baseado na innovación, un novo modelo industrial sustentado na competitividade e o coñecemento e un novo modelo de vida saudable cimentado no envellecemento activo da poboación. O proceso de avaliación intermedia continuará con cuestionarios online e entrevistas individuais a outros integrantes da I+D+i galega.

Ademais, estas mesas serviron para identificar conxuntamente as misións e definir a futura convocatoria de 2026 desta liña de axudas. As misións son metas cuantificables e acadables para dar resposta aos retos establecidos no marco da Estratexia de especialización intelixente de Galicia. Os proxectos que se financien nesta convocatoria deberán estar aliñados coa resolución dalgunha destas misións.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 27/05/2025