Valentín García salienta a contribución das xornadas de convivencia ‘Cholo e Nela’ para pór en valor o galego dun xeito lúdico e educativo entre a cativada
O secretario xeral da Lingua enxalza a “enorme implicación” da comunidade escolar nesta actividade con 500 rapaces de Educación Infantil, acompañados de 300 pais e nais
A Rúa (Ourense), 28 de maio de 2025
O secretario xeral da Lingua, Valentín García, salientou hoxe a importante contribución para “pór en valor o galego dun xeito lúdico e educativo entre a cativada” da xornada de convivencia Cholo e Nela Ciencia e Conciencia, que se desenvolveu hoxe no colexio Manuel Respino, do municipio ourensán da Rúa, coa participación de 500 rapaces de 18 centros de Educación Infantil da provincia de Ourense, que estiveron acompañados polos seus mestres e por 300 pais e nais.
O representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude enxalzou a “enorme implicación” da comunidade educativa en todas as convocatorias destas xornadas, que este ano chega á edición número 24. “Trátase de conseguir dinamizar a comunidade escolar de distintas contornas, pero con necesidades semellantes, a través de temáticas transversais, como o respecto ambiental, e sempre afondando nelas en galego e co ánimo de aprender desde o divertimento”, explicou Valentín García sobre esta actividade impulsada polo seu departamento.
Con este obxectivo, a convivencia deste ano reuniu medio milleiro de rapaces e rapazas, que traballaron durante o curso ao redor dunha unidade didáctica elaborada por un grupo de mestres e mestras e que tivo como protagonistas a dous personaxes de ficción, Cholo e Nela. Trátase dunha pinga de auga do río Sil e un globo do País da Fantasía que lles achegan á rapazada o valor e respecto polo medio, desde o lecer e desde o galego.