O campo de voluntariado da Xunta en Navia de Suarna reúne a 12 xóvenes de seis comunidades para asistir en labores arqueolóxicas
O delegado territorial de Lugo, Alfonso Villares, visitou aos participantes no castro do Teso da Ermida xunto co cineasta Oliver Laxe, que colabora coa iniciativa desde a asociación Ser
Navia de Suarna (Lugo), 30 de xullo de 2026
Un total de 12 mozos e mozas de seis comunidades autónomas están a participar desde o pasado 23 de xullo no campo de voluntariado Ancares, cooperando en labores de conservación do castro do Teso da Ermida, en Navia de Suarna.
O delegado territorial da Xunta, Alfonso Villares, visitou hoxe aos participantes na iniciativa, que forma parte da campaña de verán da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude. Estivo acompañado polo cineasta Oliver Laxe, que impulsa e colabora coa proposta como presidente da asociación Ser, e membros da cooperativa Avada, que xestiona a actividade.
O campo reúne ata o 3 de agosto na aldea de Vilela a xóvenes de entre 18 e 30 anos procedentes de Galicia, País Vasco, Andalucía, Baleares, Madrid e Cataluña; están aloxados na Casa Quindós, sede da asociación Ser.
Asisten ao equipo de arqueoloxía nas intervencións no castro e realizan traballos de mantemento e mellora dos accesos. Entre a programación complementaria figuran un cinefórum e unha xincana polos escenarios da película “O que arde”, así como visitas a Lugo, o museo e o castro de Viladonga ou Piornedo, entre outras.
Alfonso Villares sinalou que a Xunta oferta por segundo ano consecutivo esta experiencia, “enriquecedora en moitos sentidos, xa que os mozos e mozas coñecen a paisaxe dos Ancares, aprenden sobre arqueoloxía, e descobren o proxecto cultural que desenvolve aquí un dos nosos cineastas máis reputados”.
Neste sentido, agradeceu “a implicación de Oliver Laxe con esta proposta e cos Ancares en xeral. O seu éxito profesional, o seu proxecto persoal e a súa aposta pola Montaña lucense son motivo de orgullo para Lugo e inspiración para as novas xeracións”.