A Xunta remata os traballos de acondicionamento e posta en valor do Bolo de Betote, en Sarria
O delegado territorial explica que se melloraron os accesos e a sinalización ao xacemento arqueolóxico e instalouse un panel explicativo para ofrecer información aos visitantes
Sarria (Lugo), 29 de maio de 2025
A Xunta acaba de executar unha actuación para acondicionar e poñer en valor o Bolo de Betote, en Sarria, situado nas inmediacións da estrada autonómica LU-546.
O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, visitou hoxe a zona para comprobar os traballos realizados pola Axencia Galega de Infraestruturas (AXI) co fin de facilitar o acceso e o coñecemento deste xacemento arqueolóxico.
A actuación incluíu labores de roza e limpeza para despexar de matogueira toda a contorna, ademais do acondicionamento do camiño de acceso.
Tamén se instalaron catro sinais direccionais na LU-546, visibles en ambos sentidos da circulación. Trátase das frechas de cor maxenta que se empregan para indicar a presenza de elementos patrimoniais.
Así mesmo, colocouse un panel explicativo, deseñado polo arqueólogo Juan Antonio Cano, que achega información aos visitantes. Entre outros datos, recolle que o xacemento foi descuberto en 2006 durante as obras de construción do corredor Nadela-Sarria e que os restos escavados corresponden aos vestixios dun antigo santuario de entre 4.000 e 5.000 anos de antigüidade. Este foi construído arredor dun Bolo natural, cunha serie de pequenas cazoletas gravadas na súa parte superior e que estaba rodeado por un círculo lítico. Dada a súa importancia, decidiuse trasladar o Bolo fóra da superficie afectada pola obra para garantir a súa conservación.