Román Rodríguez felicita ao Colexio José María Lage de Ortigueira polo seu 50º aniversario e o seu compromiso coa educación de calidade

O conselleiro de Educación participa nos actos conmemorativos e sinala o centro como un “referente na formación escolar”

Ortigueira (A Coruña), 30 de maio de 2025

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez, asistiu hoxe aos actos conmemorativos do 50º aniversario do Colexio CEIP José María Lage de Ortigueira, ao que cualificou como “un referente na formación da cativada de Ortigueira, sempre en constante evolución para dar resposta aos retos das novas xeracións de estudantes”. O centro, que conta actualmente con case 200 alumnos, continúa a súa traxectoria educativa cun firme compromiso coa formación de calidade.

O representante do Goberno galego felicitou tamén ao colexio de Ortigueira polos éxitos acadados ao longo destes 50 anos de vida nun acto institucional no que participou toda a comunidade educativa e no que se amosou a súa evolución a través dunha exposición fotográfica por todas as instalacións. Román Rodríguez animou ao equipo directivo e ao alumnado a seguir traballando polo futuro do colexio, “un centro que vai máis aló do meramente educativo, pois forma parte xa da memoria afectiva e académica de varias xeracións de veciños”, engadiu.

O acto contou tamén con diferentes actividades como unha obra teatral, música, inchables e obradoiros, entre outros, para implicar a toda a comunidade educativa na celebración dos primeiros 50 anos de vida do colexio José María Lage.

Data de actualización: 30/05/2025