Belén do Campo participa na campaña “Quere o teu mercado” na praza de abastos de Elviña na que se pon en valor aos produtores de proximidade

Na xornada celebráronse diversas actividades entre as que destacaron showcookings, actuacións musicais, sorteo de cestas de produtos, obradoiros infantís ou concurso de debuxos

O obxectivo da iniciativa é promover os mercados e prazas de abastos de Galicia, incentivar o consumo de produtos frescos e poñer en valor a compra de proximidade e a profesionalidade das praceiras e praceiros

A Coruña, 31 de maio de 2025

A delegada da Xunta, Belén do Campo, acompañada polo director territorial da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, Juan José Couce, participou, esta mañá, na campaña “Quere o teu mercado” na súa edición 2025, que se celebrou en mercados de toda Galicia, unha iniciativa da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración coa que se busca promover as prazas de abastos da comunidade, incentivar o consumo de produtos frescos e poñer en valor a compra de proximidade e a profesionalidade e bo facer das praceiras e praceiros.

Este ano participarán na iniciativa máis de 2.550 profesionais de 63 mercados de Galicia dos cales 26 están na provincia da Coruña. As oito prazas coruñesas participantes son Elviña, praza de Lugo, San Agustín, Montealto, As Conchiñas, Ramón Cabanillas, Palavea e Adormideras. Como parte do apoio da Xunta distribuiranse en toda Galicia materiais promocionais de 4.388 mandís con modelos específicos para pescadeiros e 18.250 bolsas de algodón.

Belén do Campo explicou que “estas actividades buscan fomentar a participación cidadá e dinamizar os mercados locais, reforzando o seu papel como centros neurálxicos das comunidades”.

Ao longo da xornada pódense desenvolver diversas actividades entre as que destacan a realización de showcookings, actuacións musicais, sorteo de cestas de produtos do mercado, obradoiros infantís ou concurso de debuxos.

A actuación enmárcase na importancia que a Xunta dálle ao  comercio de proximidade, xa que ten unha enorme relevancia na xeración de  emprego e na dinamización das economías locais. “É parte fundamental para o crecemento económico e social de Galicia”, puntualizou a representante do Goberno autonómico.

Neste senso, Belén do Campo, destacou que esta campaña insírese nunha estratexia máis ampla, impulsada pola Xunta de Galicia, para revitalizar o comercio de proximidade e reforzar o papel das prazas de abastos.

As axudas, convocadas de subvencións para o impulso dunha rede de mercados excelentes de Galicia e para a dinamización e revitalización das prazas de abastos, contan cun orzamento de máis de 3,3 millóns de euros para os anos 2025-2026.

Unha parte destas axudas teñen como obxectivo mellorar as infraestruturas e servizos dos mercados, favorecendo a súa modernización e adaptación ás necesidades actuais da clientela. Entre as actuacións subvencionables figuran a reforma e mellora das instalacións, a creación de servizos orientados ao consumidor —como zonas de descanso ou reparto a domicilio—, a incorporación de sistemas tecnolóxicos eficientes e a realización de campañas de promoción e dinamización comercial.

Ademais, segundo explicou a delegada, outra parte importante das achegas vai dirixida “á iniciativa Mercados Excelentes que representa un programa estratéxico da Xunta para recoñecer e potenciar aquelas prazas que destacan pola súa calidade, innovación, sustentabilidade e vinculación coa tradición comercial galega”. Esta liña de axudas está dirixida a concellos, asociacións e federacións de prazas de abastos, e inclúe accións de mentoría, consultoría especializada e elaboración de plans de mellora co fin de acadar e manter este distintivo.

Na convocatoria de 2025, a Xunta de Galicia destinou desta orde ao Concello da Coruña case 124.000 euros para impulsar a certificación como Mercado Excelente da praza da abastos de San Agustín e á Asociación de Comerciantes e Empresarios/as  do Mercado das Conchiñas case 10.000 euros para potenciar a súa praza.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 31/05/2025