Román Rodríguez defende a figura do profesor como piar da calidade do sistema educativo
O conselleiro de Educación participa na inauguración do X Encontro hispano-luso, un foro educativo impulsado pola organización sindical Anpe
Ourense, 30 de maio de 2025
O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez, defende a figura do profesor como “a pedra angular” da calidade do sistema educativo. Así o sinalou hoxe con motivo da súa participación no X Encontro hispano-luso que baixo o lema Somos docentes: valorizamos o ensino, organizado polo sindicato Anpe para afondar sobre os desafíos do sistema educativo entre España e Portugal.
Román Rodríguez, que agradeceu a invitación a este encontro, aproveitou para reivindicar o papel fundamental que desempeñan os docentes na consolidación dun modelo coma o galego que ostenta o liderado en cuestións como inclusión, equidade ou igualdade. O titular de Educación do Goberno galego recoñeceu a contribución de Anpe para sacar adiante o Acordo de Melloras para sentar as bases do sistema educativo galego dos vindeiros anos con decisións pioneiras e históricas como a baixada paulatina de rateos, a ponderación do alumnado con necesidades especiais ou a mellora das condicións do profesorado, entre outras.
Nesta mesma liña, o conselleiro apelou a seguir colaborando “desde o diálogo permanente” para valorizar a figura do profesor como a máxima autoridade dentro da aula, respectada a nivel académico, profesional e persoal. Así mesmo, reivindicou de novo acadar un acordo a nivel estatal para o deseño dunha carreira profesional docente que prestixio a profesión de ensinante.
No acto, o conselleiro estivo acompañado polo secretario xeral técnico, Manuel Vila, o secretario xeral da Lingua, Valentín García, e o director xeral de Centros e Recursos Humanos, Jesús Álvarez.