Corgos destaca a planificación como ferramenta clave para captar financiamento europeo, anticipar proxectos e abordar con éxito os retos e oportunidades da comunidade

O conselleiro de Facenda e Administración Pública participou na xornada Estratexias Territoriais e Fondos Europeos organizada pola Deputación de Ourense

Apelou á importancia de unir forzas entre concellos da mesma área xeográfica para captar recursos comunitarios que, de maneira individual, non poderían conseguir

Insistiu na importancia dos fondos comunitarios para contribuír a unha ordenación máis coordinada, eficaz e vertebrada do territorio

Ourense, 4 de xuño de 2024

O conselleiro de Facenda e Administración Pública referiuse hoxe á planificación como ferramenta clave para captar financiamento europeo, anticipar proxectos e abordar con éxito os retos e as oportunidades da Comunidade.

Durante a súa participación na xornada Estratexias Territoriais e Fondos Europeos na provincia de Ourense, organizada pola Deputación de Ourense, Miguel Corgos resaltou a importancia que tiveron e teñen os fondos europeos para a transformación de toda Galicia. Así lembrou que, desde 1986, a Comunidade ten recibido 32.000 millóns de fondos europeos, uns recursos que contribuíron de maneira definitiva ao seu desenvolvemento económico e social.

A modo de exemplo, o conselleiro de Facenda subliñou que, a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural e a PAC, na provincia de Ourense no período 2014-2020, investíronse máis de 42 millóns de euros en explotacións agrarias, transformación de produtos e melloras de infraestruturas; 90M€ na mellora de zonas forestais, mobilización e comercialización de produtos forestais e prevención de incendios e 22,2 millóns en medidas agroambientais e climáticas; 16,6 millóns en apoio a novos agricultores e ao desenvolvemento empresarial; e 20,6 millóns a zonas con limitacións naturais.

Así mesmo, nese mesmo período, o programa LEADER impulsou na provincia proxectos xestionados por Grupos de Acción Local, cun investimento de 26,6 M€. E, ata o momento, as entidades locais ourensás recibiron 67 millóns como beneficiarias do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia para, entre outras iniciativas, impulsar proxectos de enerxía limpa; desenvolver actuacións de depuración, saneamento, eficiencia e seguridade de infraestruturas; fomentar a implantación de zonas de baixas emisións e a transformación dixital e sostible do transporte urbano; ou construír vivendas en aluguer social en edificios enerxeticamente eficientes.

Miguel Corgos apelou tamén á importancia de unir forzas entre concellos da mesma área xeográfica para captar recursos comunitarios que, de maneira individual, non poderían conseguir. Sobre este punto, referiuse aos concellos do Barco de Valdeorras e Boborás que, a través da convocatoria do Plan  de Actuación Integrado de Entidades Locais (Plan EDIL), foron capaces de promover unha axenda urbana en torno á súa área para emprender accións conxuntas de ordenación do territorio e poder acceder, así, a fondos europeos para o desenvolvemento urbano sostible.

“Son magníficos exemplos de como, con estratexia e visión global, municipios pequenos poden acceder a ferramentas financeiras potentes para acometer unha verdadeira transformación local que mellore a calidade de vida dos veciños”, abundou.

O conselleiro de Facenda e Administración Publica fixo fincapé na importancia dos fondos comunitarios para contribuír a unha ordenación máis coordinada, eficaz e vertebrada do territorio. “A cohesión territorial é esencial para garantir xustiza social, benestar e sustentabilidade e Galicia debe apostar por un modelo territorial equilibrado, aproveitando as potencialidades do rural e reforzando o papel das cidades medianas como eixos vertebradores do desenvolvemento”, dixo, incidindo en que todo isto require de políticas integradas, innovadoras e adaptadas á súa realidade demográfica e xeográfica.

Eficiente execución dos fondos MRR

Miguel Corgos aproveitou a súa intervención para referirse aos fondos europeos do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia, subliñando que, pese a diversos atrancos, como a excesiva centralización e falta de cogobernanza real, que leva a que practicamente Galicia non poida máis que executar os fondos asignados nos proxectos definidos e pechados polos respectivos ministerios, a Xunta está a poñer todos os recursos para acadar unha eficiente e óptima execución dos mesmos. De feito, cos datos do último trimestre pechado a 31 de marzo, o volume que se ten adxudicado ascende a 1.265M€, o que representa o 89% dos importes publicados e o 77% dos ingresos recibidos.

O conselleiro de Facenda e Administración Pública quixo trasladar a preocupación ante o risco de que no novo marco financeiro plurianual post-27 se vaia a unha centralización similar á que se empregou en España con estes fondos e incidiu en que o Goberno galego aposta por un modelo de xestión compartida e unha gobernanza multinivel, no que o as rexións participen con autonomía no deseño e xestión das políticas dirixidas a mellorar a converxencia económica, social e territorial.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 04/06/2025