A Xunta respalda a cuarta edición do Festival Peirao Rock que avanza na súa profesionalización
A delegada territorial de Ferrol, Martina Aneiros, presentou esta mañá o evento que terá lugar os días 22 e 23 de agosto en Mugardos e contará con nove bandas no cartel
Ferrol, 4 de xuño de 2025
A Delegación Territorial da Xunta en Ferrol acolleu esta mañá a presentación do festival Peirao Rock 2025 que se celebrará o próximo mes de agosto en Mugardos co apoio da Xunta de Galicia. A delegada territorial, Martina Aneiros, acompañada do alcalde da localidade, Juan Domingo de Deus, e membros da organización, presentaron esta cuarta edición que da “un paso firme cara a estabilidade e profesionalización” do evento.
A cita musical, que como novidade será de pago este ano -as entradas xa están dispoñibles en ataquilla.com-, terá lugar dos días 22 e 23 de agosto no parque da Constitución. Nel reuniranse un total de 9 bandas que representan estilos variados dentro do rock e do metal, tanto da escena local e nacional como internacional.
Os grupos galegos Lóstregos, Sandford Music Factory, Ruinas, Black Panda e La Hija del Carroñero, compartirán escenario en Mugardos con bandas internacionais da talla de Attic ou Sinistro e as nacionais Avulsed e Witchtower.
“Desde a Xunta de Galicia, e no marco dos Concertos do Xacobeo, estamos especialmente orgullosos de apoiar iniciativas como esta, que recollen o espírito do Camiño: encontro, diversidade, e celebración da nosa cultura e que medran cada ano, consolidándose xa como un referente no calendario galego”, sinalou Aneiros, quen lembrou que o Xacobeo non é só patrimonio ou espiritualidade, “senón tamén festa, música e cultura viva en todo o territorio galego”.