As Agrupacións Europeas de Cooperación Territorial Ibéricas reivindican o seu papel clave para una Europa máis cohesionada e próxima á cidadanía
As AECT da Península Ibérica, incluída a da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, aproban unha declaración conxunta con medidas como a posta en marcha dun Estatuto do Traballador Transfronteirizo, unha maior descentralización dos fondos europeos e o reforzo do orzamento para a cooperación territorial
Vigo, 6 de xuño de 2025
As AECT ibéricas, entidades xurídicas únicas no marco institucional da Unión Europea (UE), aprobaron esta semana unha declaración conxunta no III Encontro de AECT Ibéricas celebrado en Vigo e no que participou o conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo.
Deste xeito, reivindican que as AECT son instrumentos eficaces para acadar unha Europa máis cohesionada e próxima á cidadanía. De feito, permiten traducir a integración europea en resultados tanxibles para a cidadanía ao promover a mobilidade sostible, servizos públicos compartidos, a xestión de recursos naturais e, entre outros exemplos de colaboración, a cooperación transfronteiriza en emerxencias.
O Encontro AECT Ibéricas estivo organizado pola AECT Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, unha das entidades asinantes da declaración xunto coa Eurorrexión Pirineos Mediterráneo; Eurorrexión Nova Aquitania Euskadi Navarra; Pirineos-Pyrénées; Duero-Douro; Eurocidade Chaves-Verín; AECT Rio Minho; Hospital de Cerdanya; León-Bragança; Zasnet; Eurocide do Guadiana e o Instituto Europeo de Micoloxía. A través deste documento, as AECT ibéricas reclaman un maior recoñecemento na cohesión territorial e a cooperación transfronteiriza.
Nesta liña, as entidades solicitan medidas coas que fomentar o seu impacto e asegurar o seu papel estratéxico no próximo marco financeiro plurianual da UE. Entre as propostas recollidas destaca a posta en marcha dun Estatuto do Traballador Transfronteirizo ou a esixencia dunha maior descentralización dos fondos europeos e o reforzo do orzamento para a cooperación territorial.
Maior colaboración e impacto conxunto
Ademais, co obxectivo de representar e coordinar as distintas agrupacións no ámbito europeo, as AECT ibéricas propoñen crear unha plataforma europea de AECT baixo o auspicio da Comisión Europea, así como a constitución dunha Rede de AECT ibéricas, que permita fortalecer a colaboración e potenciar o impacto conxunto das agrupacións da Península.
Con esta declaración, as entidades asinantes tamén pretenden o seu recoñecemento como instrumento clave de cooperación en programas europeos e que se aplique o regulamento europeo mediante o que as AECT deben ser recoñecidas como puntos de contacto e coordinación para detectar e resolver obstáculos nos territorios europeos. Tamén reclaman a participación na negociación e deseño de estratexias de cooperación entre os Estados membros, garantindo a súa implicación na planificación e xestión conxunta dos recursos compartidos.