A Xunta pon en valor o crecemento da produción de mazá para sidra en Galicia
A conselleira do Medio Rural e os conselleiros de Educación, Ciencia, Universidades e Formación, e de Cultura, Lingua e Xuventude asistiron este mediodía á XII Feira da Sidra do concello da Estrada
María José Gómez sinalou que Galicia conta cunhas 400 hectáreas de maceiras ecolóxicas que se dedican maioritariamente a sidra, e que a colleita de mazá ecolóxica de 2024 acadou máis de 1.300 toneladas
A Estrada (Pontevedra), 7 de xuño de 2025
A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, e os conselleiros de Educación, Ciencia, Universidades e Formación, Román Rodríguez; e de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, asistiron este mediodía á XII Feira da Sidra, que se está celebrar hoxe no concello pontevedrés da Estrada.
María José Gómez puxo de relevo o crecemento da produción de mazá para sidra na nosa comunidade, que está a aumentar de xeito significativo nos últimos anos, especialmente no eido da produción en ecolóxico. Galicia conta cunhas 400 hectáreas de maceiras ecolóxicas, que se dedican maioritariamente a sidra. Así, a conselleira destacou os datos da colleita de mazá ecolóxica de 2024, que acadaron máis de 1.300 toneladas.
Seguindo esta liña, salientou que este tipo de producións son mostra da amplitude e diversidade da que goza o sector primario da nosa comunidade. Asemade, lembrou que a sidra pode elaborarse ao amparo do Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia, o que certifica unha produción sustentable e respectuosa co medio ambiente, e do selo Artesanía Alimentaria; outorgándolle valor engadido ao produto final.
Gómez explicou que este tipo de celebracións cobran especial relevancia á hora de dinamizar as contornas rurais de Galicia. Ademais, supoñen un importante pulo económico para os produtores que acoden a estas citas, favorecendo o contacto directo entre produtores e consumidores.