A primavera climatolóxica de 2025 na comunidade galega foi moi cálida e húmida
A temperatura media foi de 13,3 graos, 1 grao máis que o habitual neste período
As 16 estacións máis representativas rexistraron unha precipitación media de 376 l/m2, o que supón un 26% máis que o normal
Santiago de Compostela, 7 de xuño de 2025
A primavera climatolóxica de 2025 (marzo, abril e maio) en Galicia caracterizouse por ser moi cálida e húmida en canto ás precipitacións, segundo o informe elaborado por MeteoGalicia.
Este período foi moi cálido ao rexistrar unha temperatura media de 13,3 graos e unha anomalía media 1 grao superior ao habitual no período de referencia 1981-2010, segundo os datos rexistrados en 11 das estacións meteorolóxicas máis representativas. Esta situación debeuse ás elevadas temperaturas máximas e mínimas medias rexistradas en abril e maio, que foron meses moi cálidos.
Máis polo miúdo, mentres que marzo foi un mes lixeiramente frío cunha temperatura media de 10,6 graos, o que supón tres décimas inferior ao normal neste período, abril e maio foron moi cálidos cunha media de 13,9 graos -2 graos superior ao habitual- e 15,5 graos -1,1 graos máis do normal-, respectivamente.
En canto ás chuvias, Galicia rexistrou unha primavera climatolóxica húmida cunha precipitación media acumulada entre as 16 estacións máis representativas de 376 litros por metro cadrado, o que representa un 26% máis que o habitual no período de referencia 1981-2010.
Os valores estiveron moi por riba do agardado debido ás chuvias rexistradas no mes de abril, que foi moi húmido ao rexistrar precipitacións moi intensas ou persistentes en algúns días concretos. De feito, ese mes o valor medio da precipitación foi de 183 l/m2, un 64% superior ao habitual. No caso de marzo e maio foron meses normais no que atinxe ás precipitacións con 98 l/m2 e 95 l/m2, respectivamente.