López Linares avoga por potenciar o papel da enfermería no Servizo Galego de Saúde
A directora xeral de Planificación e Reforma Sanitaria participou hoxe no acto de graduación da XIII promoción de Enfermería da Universidade da Coruña
Destaca a intención do Executivo galego de ampliar nun 15 % o número de profesionais de enfermería cos que conta a rede sanitaria pública galega
A Coruña, 6 de xuño de 2025
A directora xeral de Planificación e Reforma Sanitaria da Consellería de Sanidade, Sofía López Linares, participou esta tarde no acto de graduación da XIII Promoción de Enfermería da Universidade da Coruña (UDC), un evento no que avogou por impulsar o papel deste colectivo profesional na sanidade pública galega.
A responsable sanitaria explicou que o Executivo galego aposta por un modelo asistencial no que a figura do persoal de enfermería se verá reforzada de acordo ao importante labor que desempeña nos centros de atención primaria e hospitalaria de Galicia.
Así, precisou que aínda que o número de profesionais de enfermería do Servizo Galego de Saúde medrou nun 20 % desde o ano 2008, ata acadar os 13.000 efectivos, a intención do Goberno galego é, de cara aos vindeiros anos, poder ampliar esta cifra de profesionais ata nun 15 %.
“A sanidade pública galega non se pode entender sen o traballo dos nosos profesionais de enfermería”, subliñou López Linares, ao tempo que desexou o mellor dos presentes, e sobre todo dos futuros, aos estudantes que veñen de culminar a súa formación universitaria.