O delegado territorial inaugurou esta mañá a tempada de Trens Turísticos 2025 na provincia de Ourense participando na saída da Ruta da Ribeira Sacra (Río Sil)

Manuel Pardo pon a Ourense como exemplo de destino de calidade adaptado á demanda dos novos modelos turísticos

O delegado territorial salientou que se trata dunha experiencia idónea para desfrutar dun turismo tranquilo e adaptado perfectamente ao novo modelo turístico demandado polos viaxeiros na actualidade

Os itinerarios con saídas na provincia, englóbanse en seis rutas: A ruta do Viño da Ribeira Sacra (Miño), a ruta do Viño da Ribeira Sacra (Sil), a ruta dos Viños da Ribeira Sacra e de Valdeorras, a ruta dos viños do Ribeiro e Rías Baixas, a ruta do Viño Monterrei e a ruta dos Mosteiros

Manuel Pardo tamén sinalou que os Trens Turísticos conseguiron unha ocupación de case o 100% na edición anterior entre os meses de xuño e agosto, o que mostra a súa consolidación como un dos produtos turísticos máis demandados polos galegos e visitantes

O delegado territorial afirmou que “levamos doce anos promocionando estes trens turísticos e, ano a ano, acadamos mellores índices de ocupación que ao anterior; porque é un produto que esgota prazas rapidamente e que acada sempre un alto nivel de satisfacción”

Ourense, 07 de xuño de 2025

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, e o presidente do Inorde, Rosendo Fernández, inauguraron esta mañá a tempada de Trens Turísticos 2025 na provincia de Ourense participando na saída da Ruta da Ribeira Sacra (Río Sil); unha das 6 rutas que se desenvolverán pola xeografía provincial das 13 que percorrerán Galicia.

“Un exemplo perfecto dun produto turístico consolidado, de éxito, desestacionalizador e sostible -segundo o delegado territorial- porque levamos doce anos promocionando estes trens turísticos e, ano a ano, acadamos mellores índices de ocupación que ao anterior; porque é  un produto que esgota prazas rapidamente e que acada sempre un alto nivel de satisfacción.

“E ademais -continuou Manuel Pardo- o perfil do viaxeiro é unha persoa que valora a tranquilidade, a gastronomía e as visitas culturais e representan unha proposta de turismo de calidade, slow tourism e turismo desestacionalizador”. “Un destino que denota autenticidade e no que resulta sinxelo, sostible e competitivo planificar eventos diferenciados grazas aos recursos cabeceira do territorio (patrimonio, termalismo, natureza e enogastronomía", sinalou o delegado territorial.

Para o delegado territorial, trátase dunha experiencia idónea para desfrutar dun turismo tranquilo e adaptado perfectamente ao novo modelo turístico demandado polos viaxeiros na actualidade e que ofrece a comunidade. Esta iniciativa encadra no obxectivo da Xunta de continuar a reforzar a imaxe de Galicia como un destino que propón experiencias únicas e diferenciais.

Os traxectos permiten coñecer a costa norte da comunidade, a través da Ruta dos Faros; as distintas denominacións de orixe vinícolas de Galicia, cos Trens da Ribeira Sacra, Ribeiro, Monterrei e Valdeorras; ou algúns dos pazos, castelos e mosteiros máis destacados. A aposta pola experiencia turística sustentable queda confirmada a través do emprego do tren como medio de transporte de referencia.

Os itinerarios con saídas na provincia, englóbanse en seis rutas: A ruta do Viño da Ribeira Sacra (Miño), a ruta do Viño da Ribeira Sacra (Sil), a ruta dos Viños da Ribeira Sacra e de Valdeorras, a ruta dos viños do Ribeiro e Rías Baixas, a ruta do Viño Monterrei e a ruta dos Mosteiros.

O delegado territorial tamén sinalou que os Trens Turísticos conseguiron unha ocupación de case o 100% na edición anterior entre os meses de xuño e agosto, o que mostra a súa consolidación como un dos produtos turísticos máis demandados polos galegos e visitantes. Neste sentido, Manuel Pardo destacou que, a pesar de que a tempada estival é importante para o turismo, trátase dunha actividade que, no modelo sostible galego, aspira a ser relevante en calquera época. Nesa liña, destacou que profundizar na desestacionalización da demanda é un dos obxectivos da estratexia por parte da Xunta de Galicia e que se está logrando grazas a iniciativas tan interesantes como esta.

Ruta da Ribeira Sacra

A viaxe comeza cunha visita teatralizada da estación dos Peares para coñecer todo sobre a contorna. Despois, realizarase unha visita guiada á adega Regina Viarum onde se poderá descubrir os segredos do viño. En Monforte de Lemos poderemos gozar de tempo libre para comer e degustar as delicias gastronómicas galegas.

Trala comida, está prevista a subida a bordo dun catamarán, no embarcadoiro de San Estevo, para percorrer o fantástico mar interior que forman as augas embalsadas do río Sil. E de volta, visitarase o Mosteiro de San Pedro de Rocas, onde un se terá a posibilidade de probar unha queimada.

As experiencias

En total, en 2025 están previstas 13 rutas, dúas máis que o pasado ano, e incrementáronse nun 35% as prazas á venda. Aínda quedan prazas nas distintas rutas e toda a información detallada e as datas de cada roteiro está dispoñible na web turismo.gal.

A compañía ferroviaria recomenda prestar atención á apertura progresiva da venda de billetes a través da web, nos despachos de billetes das estacións e en axencias de viaxe concertadas para poder adquirilos con antelación.

En 2024, alcanzouse un 97,5% de ocupación nas prazas á venda. Ademais, o mes con mellores datos dos trens turísticos foi o de setembro, cun 99,4%, o que apunta o valor da iniciativa para avanzar na desestacionalización do turismo, un dos principais obxectivos da Xunta de Galicia.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 07/06/2025