Rueda anuncia que a oferta pública de emprego do Servizo Galego de Saúde para 2025 acadará as 3.460 prazas, 2.000 máis das inicialmente previstas

Asegura que se trata dunha medida “de enorme calado  para reducir a temporalidade” na sanidade pública

A Xunta aplicará con carácter excepcional a taxa adicional de reposición específica prevista na lexislación para favorecer a estabilidade do persoal estatutario

As prazas distribuiranse en 1.340 de persoal diplomado sanitario, 271 de licenciado sanitario, 1.124 de formación profesional e outras 725 destinadas ao persoal de xestión e servizos

Entre as especialidades con maior oferta están “enfermería, pediatría, psicoloxía ou medicina de Urxencias”

O conselleiro de Sanidade resalta que con esta OPE “se dará resposta a curto e medio prazo das necesidades organizativas” dos centros sanitarios

O Goberno galego presentará a proposta de oferta de emprego aos sindicatos antes da súa aprobación definitiva polo Consello da Xunta

Santiago de Compostela, 9 de xuño de 2025

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou hoxe que Galicia vai ampliar a oferta pública de emprego do Servizo Galego de Saúde para o ano 2025 “ata as 3.460 prazas”, o que supón “2.000 máis das previstas inicialmente”. Asegura que se trata dunha medida “de enorme calado para reducir a temporalidade” na sanidade pública.

O Consello da Xunta abordou esta mañá o informe da Consellería de Sanidade no que se recolle a relación de prazas previstas na oferta de emprego, que se debaterá agora cos sindicatos representados na Mesa Sectorial de Sanidade, antes da súa aprobación definitiva polo Goberno galego.

Para acadar as 3.460 prazas na convocatoria de 2025, o conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, explicou que a Xunta aplicará, con carácter excepcional, “a taxa adicional de reposición específica” que está prevista na lexislación, co fin de reducir a temporalidade do persoal do Servizo Galego de Saúde. “Buscamos dar resposta a curto e medio prazo as necesidades organizativas do sistema sanitario”, indicou.

Dese xeito engadiranse 2.000 novas prazas ás 1.460 que inicialmente estaba previsto incluír na Oferta Pública de Emprego en aplicación da taxa establecida con carácter xeral na normativa básica estatal para a  reposición de efectivos nos centros sanitarios. Esa taxa de reposición é do 120 % por ser o do persoal sanitario, un sector prioritario, e pode incrementarse aplicando unha taxa adicional específica, como agora fai a Xunta, con carácter excepcional, facendo posible chegar a unha oferta de 3.460 prazas.

Tal e como explicou o conselleiro,  estas 3.460 prazas coas que contará a oferta pública de emprego de 2025 distribuiranse “en 1.340 pertencentes ás categorías de persoal diplomado sanitario; 271 para licenciados sanitarios; 1.124 de formación profesional; e outras 725 destinadas ao persoal de xestión e servizos”.

Rueda resaltou que “enfermería, pediatría, psicoloxía clínica ou médico de Urxencias”, están entre as categorías que terán a maior oferta de prazas, ás que se suman as de facultativo especialista en anestesioloxía e reanimación; a de facultativo especialista en aparello dixestivo; facultativo especialista en cardioloxía; técnico en coidados auxiliares en enfermería; técnico superior en laboratorio de diagnóstico clínico; técnico superior en imaxe para o diagnóstico; celador; grupo auxiliar da función administrativa; persoal de servizos xerais; e pinche. 

O documento abordado hoxe polo Consello da Xunta xa foi remitido aos sindicatos representados na Mesa Sectorial de Sanidade. Para mañá, martes, está convocada unha nova reunión da Mesa Sectorial na que se abordará e negociará o texto do decreto polo que se aproba a oferta de emprego público correspondente a diversas categorías de persoal estatutario do sistema público de saúde de Galicia para o ano 2025.  

Esta nova oferta, composta por 3.460 prazas, engádese ás pendentes de convocar de decretos anteriores, posibilitando a convocatoria de novos procesos selectivos nos que se incluirán un total de 5.550 prazas de persoal estatutario do sistema sanitario público de Galicia.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 09/06/2025