O conselleiro de de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, e o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, participaron na Comisión Interdepartamental en materia de educación e saúde
A Xunta acorda crear a Rede galega de escolas promotoras da saúde para fomentar o benestar físico, emocional, social e ambiental do alumnado
Entre os obxectivos da rede sitúanse previr o sobrepeso e as condutas adictivas
Na comisión interdepartamental presentouse o balance do programa YAM, no cal participaron este curso preto de 5.000 escolares
Santiago de Compostela, 9 de xuño de 2025
A Xunta, no marco da Comisión Interdepartamental en materia de educación e saúde, que se celebrou esta mañá no edificio administrativo de San Lázaro, decidiu crear a Rede galega de escolas promotoras da saúde co obxectivo de fomentar o benestar físico, emocional, social e ambiental do alumnado.
A comisión estivo presidida polo conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, e polo conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez.
Na reunión presentáronse os obxectivos desta nova Rede galega de escolas promotoras da saúde, encadrada dentro das medidas do Plan Obesidade Zero en Galicia 2022-2030. Entre os seus obxectivos estará a prevención do sobrepeso e a obesidade, ademais de distintas condutas adictivas. Fomentaranse tamén hábitos de vida saudable e prevese facelo capacitando tanto ás familias como ao profesorado.
A Rede galega de escolas promotoras da saúde reforzará a conexión entre a escola, o fogar e os sistema público de saúde.
Promoción da saúde mental
Durante a Comisión Interdepartamental, informouse da actividade do programa YAM (xuventude consciente da saúde mental, nas súas siglas en inglés) no que colaboran o Servizo Galego de Saúde e a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP.
Ao longo deste curso escolar 2024-2025 despregouse o programa en 79 centros educativos, de carácter público e tamén concertados e privados.
Realizáronse 252 intervencións con 4.944 estudantes de 3º e 4º curso de Educación Secundaria Obligatoria.