O xerente do Servizo Galego de Saúde, José Ramón Parada, respondeu a unha pregunta sobre o Complexo Hospitalario Universitario de Ourense no marco da Comisión 3ª do Parlamento de Galicia
A Xunta salienta que a construción do novo hospital materno infantil de Ourense permitirá contar cunhas instalacións modernas, funcionais e unificar todos os seus servizos
A nova infraestrutura sanitaria permite unha mellora de espazos e unha simplificación de conexións, fronte á reforma inicialmente prevista, garantindo maior proxección de futuro
A finais do ano 2026 comezará o traslado dos servizos do materno infantil cara ao novo edificio de hospitalización e, de seguido, iniciarase a demolición do actual inmoble
O xerente do Servizo Galego Saúde destaca que a Xunta segue á avanzar na mellora das infraestruturas sanitarias co obxectivo de optimizar a calidade asistencial do sistema sanitario público
Santiago de Compostela, 12 de xuño de 2025
O xerente do Servizo Galego de Saúde, José Ramón Parada, salientou esta mañá no marco da Comisión 3ª de Economía, Facenda e Orzamentos que a Xunta construirá un novo hospital materno infantil no Complexo Hospitalario Universitario de Ourense que permitirá dotar dunhas instalacións modernas, funcionais e unificar todos os seus servizos.
Durante a súa intervención no Parlamento galego, Parada detallou que malia que a previsión inicial era realizar un reforma integral do actual inmoble, o Executivo galego acordou reconfigurar esta planificación co obxectivo de poder contar cunha infraestrutura “con maior proxección de futuro”, e que tamén posibilitase “mellorar os espazos e unha simplificar as conexións” entre os diferentes edificios que conforman o Complexo.
“O novo edificio permitirá unificar todos os servizos do materno-infantil do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense”, puxo en valor o xerente.
O responsable sanitario puntualizou que a finais do ano 2026 comezará o traslado do servizos do materno infantil cara ao novo edificio de hospitalización e, a continuación procederase á demolición do inmoble actual.
“Trátase dunha actuación complexa” incidiu Parada, ao executarse nunha contorna na que se desenvolverá a actividade hospitalaria.
O xerente do Servizo Galego Saúde subliñou que xunto coa construción do hospital Materno Infantil, o novo edificio de hospitalización e as melloras nos accesos previstas no Plan director do recinto hospitalario Ourensá posibilitará prestar unha atención “mellor e máis cómoda” aos pacientes e acompañantes deste recinto hospitalario.
Nesta liña, Parada pechou a súa intervención lembrando que a Xunta segue á avanzar na mellora das infraestruturas sanitarias de toda a comunidade galega co obxectivo de optimizar a calidade asistencial do seu sistema sanitario público.