Martina Aneiros destaca os proxectos de ‘Aprendizaxe e Servizo’ da UDC como ferramenta de transformación educativa e social

A delegada territorial da Xunta en Ferrol, participou esta mañá na clausura da xornada con motivo do décimo aniversario desta metodoloxía docente que combina aprendizaxe académica e a prestación dun servizo á comunidade

Ferrol, 12 de xuño de 2025

A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, clausurou esta mañá no Campus Industrial de Ferrol a xornada con motivo do décimo aniversario da metodoloxía Aprendizaxe e Servizo da UDC na que se recoñeceu a todas as persoas e entidades que veñen colaborando con estes proxectos a través da Oficina de Cooperación e Voluntariado e do centro Universitario de Formación e Innovación Docente da Universidade da Coruña (UDC).

Na súa intervención, Aneiros destacou a consolidación desta iniciativa docente que integra nunha mesma proposta formativa a aprendizaxe académica coa prestación dun servizo á comunidade, como “unha ferramenta poderosa de transformación educativa e social” e felicitou a estudantes, docentes e entidade sociais pola súa implicación nun proxecto que demostra que “a educación superior pode —e debe— estar conectada coas necesidades reais da nosa sociedade”.

Previamente, a delegada territorial realizou un percorrido pola feira de entidades que se celebrou na praza fronte á Facultade de Humanidades e Documentación e reuniu varias mesas informativas nas que, diferentes entidades sociais, deron a coñecer o seu labor á comunidade educativa. A xornada concluíu coa entrada dos IV Premios de Innovación Docente en Aprendizaxe e Servizo.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 12/06/2025