A Xunta adxudica a doce entidades e un concello as axudas para o 'Xuventude Mentoring na Empresa’

Destínanse preto de 1,3 millóns de euros para estadías formativas de ata catro meses en organismos públicos ou privados para a mocidade de entre 18 e 30 anos

O obxectivo desta iniciativa é mellorar a capacidade profesional e as oportunidades laborais das persoas participantes

Santiago de Compostela, 15 de xuño de 2025

O Diario Oficial de Galicia acaba de publicar este mércores a adxudicación a trece entidades e concellos as axudas para acollerse ó programa Xuventude Mentoring na Empresa. A convocatoria ofrece á mocidade estadías formativas de ata catro meses en organismos públicos ou privados vinculados a sectores económicos estratéxicos de Galicia. Ca fin de mellorar as súas posibilidades de incorporación ao mercado laboral.

Deste xeito, a terceira edición do programa da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude inclúe 12 entidades sen ánimo de lucro e 1 concello, por un importe total de 1.123.871,06 euros.  Neste senso, o proxecto está cofinanciado pola Unión Europea no marco do programa FSE+ Galicia 2021-2027. Así, as entidades sen ánimo de lucro beneficiarias nesta convocatoria foron as asociacións Empresarios do Deza, Empresarios de Redondela, Empresarios de Mos, a Provincial de Empresarios da Construción de Ourense e a Iris Social, as fundacións Denis Suárez, Formavigo, Impulsarse para o Desenvolvemento do Emprego e a Integración Social, a Integra, a Federación de Escolar Familiares Agrarias de Galicia, Valores Innovation e a Cámara Oficial de Comercio, Industria, Servizos e Navegación de Santiago de Compostela. En canto á entidade local recibirá a subvención o concello de Ponteareas.

Para formar parte do Xuventude Mentoring na Empresa, as entidades e concellos contan cun mínimo de oito e un máximo de 12 persoas durante catro meses, cunha duración de 100 horas ao mes e de catro días a semana. O importe máximo concedido a cada entidade para poñer en marcha o seu proxecto é de ata 100.000 euros e as persoas participantes recibirán unha bolsa de mínimo 690,66 euros ao mes e contarán ademais cun plan formativo en habilidades e competencias para o emprego impartido pola institución beneficiaria.

As empresas ou entidades que acollen ás persoas en prácticas atópanse vencelladas a sectores estratéxicos na Comunidade como son a aeronáutica, a agroalimentación, a biotecnoloxía, a automoción, as enerxías renovables, o naval, a pedra natural, a madeira ou forestal, o metalmecánico, o téxtil ou a moda, as tecnoloxías da información e da comunicación ou o que ten que ver coa calidade de vida e benestar.

Na primeira edición do programa beneficiáronse das axudas preto de 60 empresas que ofertaron un total de 170 prazas para as estadías de formación da mocidade galega, conseguindo unha porcentaxe de inserción laboral do 30% ao finalizar a experiencia. Na anterior edición do Xuventude Mentoring na Empresa, de 123 mozos participantes repartidos en 96 entidades, 73 remataron formando parte do tecido empresarial, polo que case un 60% da mocidade involucrada no programa acadou a inserción laboral. Nesta terceira edición, aínda en proceso de resolución, ofertaranse máis de 150 prazas.

Cómpre lembrar que tras esta resolución da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude coas propostas subvencionadas, correspóndelle ás entidades e concellos beneficiarios a súa posta en marcha. Así, como promotores do Xuventude Mentoring na Empresa serán os encargados de seleccionar ás persoas participantes e destinalas aos centros de traballo que se considere.

Data de actualización: 15/06/2025