A Xunta destina preto de 435.000 euros a 27 proxectos para reforzar a actividade das salas de cinema galegas
As axudas apoian iniciativas de programación, dinamización de públicos e modernización dos espazos de exhibición
As contías concedidas van dos 6.800€ aos 21.000€ por proxecto e forman parte das liñas de apoio da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude ao audiovisual
A resolución está publicada no Diario Oficial de Galicia
Santiago de Compostela, 17 de outubro de 2026
A Xunta de Galicia destina preto de 435.000€ a 27 proxectos para o desenvolvemento de actividades en salas cinematográficas galegas de carácter comercial ao abeiro dunha das liñas de axuda ao audiovisual da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude. Trátase dunha convocatoria cuxa resolución está publicada xa no Diario Oficial de Galicia, e que abrangue a programación cinematográfica, a dinamización da actividade comercial e o desenvolvemento de públicos, xunto coa renovación das instalacións e dos sistemas de exhibición.
Deste xeito, as contías adxudicadas, que oscilan entre os 6.800€ e os 21.000€, supoñen unha vía de apoio co que o Goberno galego contribúe a manter a actividade das salas e a mellorar os recursos para o acceso ao cinema da cidadanía.
Entre os proxectos apoiados figuran a programación de Duplex Cinema, na Coruña, con 15.000€; Novocine Leiro, localizado neste municipio ourensán, con 14.000€; a proposta de Codex Cinema, en Lugo, con 18.000€, ou Cinema na Estrada para tod@s, neste concello pontevedrés, con 15.000€; Numax, en Santiago de Compostela, con outros 15.000€, e o programa de Ocine Vigo, na cidade olívica, que recibe 18.000€.
A relación inclúe tamén proxectos de Atlántico Multicines, con salas en Narón; de Cine Donde No Hay Cine, na Mariña, e de Ciproga, para Cinema Cantones, con 18.000€ cada un. A mesma cantidade recibe Novogil para o Cine Xunqueira, en Cee; Yelmo Films, para varias salas de Vigo; Cinesa Marineda City, Cinemavigo, na cidade olívica, Coruña Films, na Coruña, e Exhibiciones Cinematográficas Pato y Miguel, para a sala xestionada en Pontevedra. Pola súa banda, destínanse 10.000€ a Trailer Cines, para Cinema Cristal en Lugo, e á iniciativa Cine e Futuro de Santiago Díaz García.
Modernización dos espazos de exhibición
No ámbito da mellora das instalacións, a entidade Séptimo Arte obtén 18.000€ para a renovación de Multicines Norte, en Vigo, e 21.000€ para Multicines Compostela, en Santiago. Así mesmo, Gaper Cines recibe 13.000€ para instalar sistemas de proxección láser nas súas alas, mentres que o Colexio María Auxiliadora Salesianos, de Vigo, conta cunha achega de 6.800€ para a modernización e o mantemento da exhibición de cinema dixital.