O Servizo Galego de Saúde difunde nos centros sanitarios os recursos para abordar disfuncións do solo pelviano, unha prestación única en España que xa beneficiou a máis de 20.000 mulleres
Galicia puxo en marcha en 2017 de forma pioneira un programa estruturado de abordaxe das disfuncións do solo pelviano feminino en atención primaria
As pantallas de hospitais e centros de saúde amosarán os factores que poden afectar ás mulleres e a asistencia que prestan matronas e fisioterapeutas
Santiago de Compostela, 13 de xuño de 2025
O Servizo Galego de Saúde adiantou, durante as II Xornadas de abordaxe de disfuncións do solo pelviano no ámbito da atención primaria, o vídeo divulgativo do Programa estruturado de abordaxe das disfuncións do solo pelviano feminino en atención primaria, que ofrece unha prestación única no Estado e que xa atendeu a máis de 20.000 mulleres desde 2017.
No evento formativo que se celebrou este xoves na Axencia Galega de Coñecemento en Saúde (ACIS), indicouse que, desde o inicio do programa, 20.417 mulleres foron atendidas polas matronas dos centros de saúde en relación a disfuncións do seu solo pelviano, e 1.552 foron tratadas por fisioterapeutas de atención primaria.
Ás xornadas asistiron 60 matronas e fisioterapeutas que están a desenvolver o programa para previr e tratar estes problemas que afectan á saúde da muller ao longo de toda a súa vida.
Para achegar á cidadanía esta prestación pioneira a nivel nacional, o Servizo Galego de Saúde adiantoulle aos profesionais implicados o vídeo que proximamente se difundirá nas pantallas dos hospitais e da rede de centros de saúde da sanidade pública.
Baixo o título Coida o teu solo pelviano, o vídeo recolle as etapas do circuíto asistencial establecido no Servizo Galego de Saúde. Tras unha primeira valoración realizada pola matrona do seu centro de saúde, a muller ten a posibilidade de participar nun programa individualizado de recuperación do solo pelviano e, se o precisa, será derivada a outras especialidades, co fin de abordar o seu problema de maneira multidisciplinar.
Entre os problemas máis habituais están as infeccións do tracto urinario de repetición e as cistites poscoitais, as disfuncións do solo pelviano que dificultan as relación sexuais coitais e a abordaxe psicolóxica da dor durante as mesmas. Tamén son de destacar a síndrome miofascial e a súa implicación na dor crónica, a influencia da práctica deportiva sobre o perineo feminino.