O conselleiro de Sanidade interveu esta tarde en Santiago no acto presentación do libro Galicia Vive+, coordinado por Pilar Rodríguez Ledo, presidenta da Sociedade Española de Médicos Xerais e de Familia
Gómez Caamaño destaca na presentación do libro 'Galicia Vive+' o impulso da Xunta ao rexistro de persoas centenarias para estudar a lonxevidade, comprender por que os galegos viven máis e avanzar en vivir mellor
A Xunta vén de crear este rexistro para coñecer os factores de lonxevidade e mellorar a atención sanitaria da poboación de 100 anos ou máis
O Executivo galego ten unha firme aposta polo fomento da saúde a través de iniciativas como o Plan de Obesidade Zero, o programa Adestra a túa Saúde ou a Rede Galega de Promoción da Saúde
Santiago de Compostela, 28 de xullo de 2026
O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, salientou hoxe, no acto de presentación do libro Galicia Vive+, o impulso da Xunta do Rexistro Galego de Persoas Centenarias, REGACE, para estudar a lonxevidade, comprender por que os galegos viven máis e avanzar en vivir mellor.
Actualmente, en Galicia viven preto de 1.800 persoas centenarias, o que supón un 12 % de todas as que hai en España. Por isto, o Executivo galego vén de crear este proxecto pioneiro para coñecer mellor os factores de lonxevidade e mellorar a atención sanitaria da poboación de 100 anos ou máis.
O titular de Sanidade sinalou que a mellor medicina comeza na prevención, a alimentación equilibrada, a actividade física, o descanso e o benestar emocional.
Neste senso, a Xunta leva anos impulsando políticas que sitúan a promoción da saúde no centro da acción sanitaria. Destaca, por unha banda, o Plan Obesidade Zero, para a promoción da actividade física regular, os hábitos alimentarios saudables, as actuacións preventivas e a sensibilización das familias e a comunidade educativa.
O programa Adestra a túa Saúde, por outra banda, ten como fin o desenvolvemento de proxectos de prescrición de actividade física no ámbito sanitario. Así mesmo, a Rede Galega de Promoción da Saúde (REGAPS) busca identificar, organizar e visibilizar as actividades de promoción da saúde que se desenvolven en Galicia.
O libro presentado hoxe, Galicia Vive+, coordinado pola presidenta da Sociedade Española de Médicos Xerais e de Familia e actual subdirectora de Humanización, Calidade e Atención á Cidadanía da área sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos, Pilar Rodríguez Ledo, invita a reflexionar sobre como queremos vivir e como queremos envellecer.
Na obra conflúe a visión de especialistas de ámbitos moi diferentes, desde a xenética á inmunoloxía, pasando pola neuroloxía, a actividade física, a nutrición, a atención primaria, o termalismo ou a saúde pública, poñendo de manifesto que a lonxevidade non pertence a unha única disciplina.
Galicia leva tempo consolidándose como un auténtico laboratorio natural da lonxevidade. Deste xeito, a Xunta busca que ese liderado se traduza en máis investigación, máis coñecemento e máis capacidade para anticiparse aos retos do envellecemento.