O conselleiro de Sanidade inaugurará este luns, día 16, en Santiago de Compostela, o segundo ciclo organizado en colaboración coa Fundación Araguaney

A Xunta reafirma o seu compromiso co benestar emocional da mocidade coa nova edición do ciclo 'Saúde mental en Galicia'

Abordaranse temas como os trastornos da conduta alimentaria, a adicción a videoxogos ou a fenda dixital entre pais e fillos

A iniciativa está dirixida ao público xeral e a profesionais implicados con entrada de balde ata completar aforo

Santiago de Compostela, 16 de xuño de 2025

A Consellería de Sanidade, a través da Subdirección Xeral de Atención á Saúde Mental, promove, xunto coa Fundación Araguaney, un novo ciclo sobre a Saúde mental en Galicia, que será inaugurado polo conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño.

O Salón Olivo do Hotel Eurostars Araguaney de Santiago de Compostela acollerá o vindeiro luns, 16 de xuño, ás 19,30 horas, un encontro que poñerá o foco no impacto das redes sociais na saúde mental da mocidade.

A nova edición do ciclo contará coa participación de especialistas de diversos ámbitos como a medicina, a psicoloxía e as ciencias sociais, que analizarán os retos que supoñen as enfermidades mentais na sociedade actual.

Esta nova edición do ciclo dará continuidade ao traballo iniciado na primeira edición en 2023, centrándose nesta volta no obxectivo de  sensibilizar sobre o uso responsable das redes sociais e en ofrecer estratexias para que os mozos e as mozas aproveiten as vantaxes das novas tecnoloxías de maneira equilibrada e saudable, fomentando o seu desenvolvemento persoal e académico.

A proposta está dirixida ao público xeral e a profesionais dos eidos sanitario social e educativo, cuxo labor resulta fundamental para a detección temperá, acompañamento e intervención en cuestións de saúde mental, especialmente no contexto da adolescencia e xuventude.

A entrada será de balde ata completar aforo e abordaranse temas variados como os trastornos da conduta alimentaria e a adicción a videoxogos nos mozos e mozas, así como tamén a fenda dixital entre pais e fillos. 

Esta iniciativa reafirma o compromiso da Xunta coa atención á saúde mental da cidadanía, especialmente co benestar emocional da poboación máis nova, desde unha abordaxe integral.

Data de actualización: 14/06/2025