A Xunta colabora coa II Carreira e Andaina do Concello da Pastoriza, que se celebra o 13 de xullo

O delegado territorial, Javier Arias, participou hoxe na presentación da proba, incluída no I Circuíto de Carreiras Populares da Terra Chá

A Pastoriza (Lugo), 16 de xuño de 2025

A Xunta colabora coa II Carreira e Andaina organizada polo Concello da Pastoriza, que se celebra o próximo 13 de xullo. O delegado territorial, Javier Arias, e o alcalde do municipio, Darío Cabaneiro, presentaron esta mañá a proba, incluída no I Circuíto de Carreiras Populares da Terra Chá.

O prazo de inscrición está aberto ata o día 7 de xullo. Hai diferentes categorías e distancias en función das idades, dende os pitufos - nacidos a partir do 2018 – ata as persoas adultas. 

A saída e a meta estarán na praza do Concello. A proba discorrerá principalmente por camiños de terra á beira do monte da contorna próxima á vila – arredor do 70% -, así como polas rúas da localidade. En canto á andaina, está aberta a todas as idades e terá un percorrido de 4,5 quilómetros. 

Arias destacou que A Pastoriza “é o escenario idóneo para acoller unha carreira popular destas características”, que ofrece a oportunidade “de practicar exercicio físico ao aire libre nunha contorna natural privilexiada”, apuntou.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 16/06/2025