A Xunta aposta pola colaboración cos concellos para dotar a veciñanza de servizos municipais modernos e eficientes
O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes visitou Cabana de Bergantiños para abordar co Concello a situación actual do complexo deportivo no que se vai actuar no marco do apoio a proxectos municipais estratéxicos, como se informou o pasado agosto
Cabana de Bergantiños (A Coruña), 17 de outubro de 2026
O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, visitou hoxe Cabana de Bergantiños para abordar co Concello a situación actual do complexo deportivo no que se vai actuar no marco do apoio a proxectos municipais estratéxicos, como se informou o pasado agosto. A iniciativa responde á aposta da Xunta pola colaboración cos concellos para dotar a veciñanza de servizos municipais modernos e eficientes.
As actuacións previstas céntranse na reforma do complexo deportivo municipal, que inclúe a piscina, o campo de fútbol e o polideportivo co obxectivo de asegurar a funcionalidade e a seguridade das instalacións. No caso da piscina, refórzase o illamento e a protección contra a corrosión, no pavillón polideportivo instalarase novo equipamento e no campo de fútbol e no local social reformaranse diferentes espazos.
Segundo sinalou o conselleiro, a iniciativa ten unha especial relevancia social, deportiva e comarcal. Precisamente unha das características dos proxectos municipais de carácter estratéxico é que, aínda que se localicen nun concello concreto, a súa repercusión pode estenderse ao ámbito supramunicipal ou comarcal e, ademais, contribúen a fomentar a economía dos concellos galegos e a transformar de maneira transversal outros ámbitos como a actividade económica ou os servizos.
Tamén teñen esta consideración as infraestruturas locais con transcendencia económica ou industrial en sectores estratéxicos de ámbito supramunicipal que incentiven o desenvolvemento empresarial ou que promovan o tecido comercial. Outra categoría de proxectos estratéxicos ten que ver con actuacións destinadas á conexión, á reorganización, ao agrupamento ou á centralización de edificios dirixidas á prestación de servizos municipais que teñan como finalidade a mellora do funcionamento administrativo e do acceso á cidadanía á realización de distintos trámites, que funcionen como espazos de encontro e interacción social ou que actúen como eixos para un modelo sustentable de mobilidade urbana.