O Servizo Galego de Saúde publica o nomeamento como persoal estatutario fixo en diversas categorías de enfermería, fisioterapia, logopedia e terapia ocupacional
Adxudícaselles destino a 220 profesionais, 203 polo sistema de concurso-oposición e 17 por concurso de méritos nas sete áreas sanitarias
Os nomeados disporán ata o 17 de xullo para incorporarse á praza adxudicada
Quedan pendentes de adxudicar nos próximos meses 10 prazas, 6 polo sistema de concurso oposición e 4 polo concurso de méritos
Santiago de Compostela, 17 de xuño de 2025
O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución da Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde pola que se procede ao nomeamento como persoal estatutario fixo dos aspirantes que superaron os dous procesos selectivos, mediante o sistema de concurso-oposición e concurso de méritos, para o ingreso en diversas categorías de enfermeiro especialista, fisioterapeuta, logopeda e de terapeuta ocupacional.
A resolución deste proceso suporá a incorporación de 230 profesionais ás institucións sanitarias do sistema público de saúde de Galicia, coa condición de fixeza.
No proceso selectivo, mediante o sistema de concurso-oposición, quedan pendentes de adxudicar por renuncia dos aspirantes 5 prazas de fisioterapeuta e 1 de terapeuta ocupacional e, no concurso de méritos, 2 prazas de fisioterapeuta, 1 de terapeuta ocupacional e 1 de enfermeiro especialista en obstetricia-xinecoloxía (matrona). Estas prazas serán adxudicadas nos próximos meses nomeando os seguintes aspirantes por orde de prelación.
Os profesionais nomeados disporán do prazo dun mes, a contar desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, para incorporarse á praza adxudicada. O prazo finaliza o 17 de xullo de 2025.
Os aspirantes poden dirixir todas as dúbidas e consultas ao enderezo de correo electrónico: oposicions@sergas.es.