A Xunta colabora co premio ‘Explorer 2025’ do Campus Terra, que distinguiu tres proxectos innovadores

Lugo, 18 de xuño de 2025

O Campus Terra deu hoxe a coñecer aos gañadores da presente edición do premio Explorer, que organiza o equipo da USC Lugo Space e conta co apoio da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, representada no xurado pola directora territorial na provincia, Carmen José López.

O primeiro premio foi para o proxecto “Mundo Mullu”, baseado na elaboración de peluches que favorecen o benestar persoal e a conciencia ambiental. “Yita Patiño” gañou o segundo premio cunha iniciativa de reciclaxe de teas e prendas, e “VISUVAC” situouse en terceiro lugar cun dispositivo para detectar enfermidades metabólicas no gando vacún.  

A Xunta colabora activamente no desenvolvemento en Galicia do Santander X Explorer, que ten como obxectivo facilitar a transferencia de coñecemento desde as universidades para impulsar propostas de negocio innovadoras. Está promovido polo Banco Santander e participan máis de 300 universidades de 12 países. O USC Lugo Space obtivo o mes pasado o terceiro posto a nivel internacional e o primeiro posto entre os centros españois no ranking da primeira edición de 2025 deste programa.

Data de actualización: 18/06/2025