Miguel Corgos chama á modernización das Administracións públicas para adaptarse ás necesidades e á evolución da sociedade

O conselleiro de Facenda e Administración Pública participou na apertura do II Congreso UGT Servicios Públicos de Galicia, que ten como lema Afrontar os cambios

Salientou o papel dos sindicatos como mediadores e interlocutores entre a Administración autonómica e o persoal empregado público

Fixo un repaso polas principais medidas postas en marcha no proceso de transformación da Administración e polos retos que aínda quedan por afrontar

Santiago de Compostela, 19 de xuño de 2025

O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, defendeu hoxe que é precisa unha modernización das Administracións públicas para adaptarse ás necesidades e á evolución da sociedade. Fíxoo durante a apertura do II Congreso UGT Servicios Públicos de Galicia Afrontar os cambios, onde explicou que para acadar eses cambios é preciso un diálogo social permanente entre a Administración e os representantes do persoal empregado público, para lograr acordos no marco da negociación colectiva.

Miguel Corgos lembrou un dos máis importantes pactos dos últimos anos, o Acordo de Concertación social de Emprego Público de Galicia, que debe servir como guía para manter esa dirección, posto que unha negociación colectiva “continua e útil” favorece mellores condicións do persoal empregado público e a prestación de mellores servizos á cidadanía. E insistiu en que máis importante aínda que acadar eses acordos, é desenvolvelos e cumprilos.

Por iso salientou o papel dos sindicatos como mediadores e interlocutores entre a Administración e as persoas que emprega, pero tamén pediu que se exerza con responsabilidade, para chegar a implantar con éxito todas as medidas de renovación e modernización que se están a poñer en marcha.

Durante o acto, ao que tamén asistiu o director xeral de Centros e Recursos Humanos da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Jesús Álvarez, Corgos resaltou as principais medidas coas que o Goberno galego avanza na transformación e modernización da Administración Pública, como os procesos de funcionarización para homoxeneizar as condicións de traballo, a redución da temporalidade no emprego público, a implantación da carreira administrativa do persoal funcionario e o complemento de desempeño do persoal laboral e, tamén, a dixitalización na xestión do persoal para reducir tempos.

Miguel Corgos destacou a capacidade de diálogo para chegar a acordos en asuntos prioritarios, que permite unha mellora continua da función pública. O próximo reto que hai que afrontar é a “necesidade de renovación de efectivos públicos”, para o que o Goberno galego se comprometeu a seguir desenvolvendo procesos selectivos para responder ás novas necesidades. Serán –dixo o responsable da Facenda galega- máis de 4.000 novas prazas durante a lexislatura, das que 1.600 convocaranse xa este ano, seguindo un calendario marcado, para que as persoas aspirantes coñezan cando terán lugar as probas.

O obxectivo é consolidar unha Función pública “profesional, motivada, eficiente” e orientada a dar cada vez un mellor servizo á cidadanía.

Data de actualización: 19/06/2025