A Xunta felicita ao colexio CEIP Carlos Casares de Xinzo de Limia polos seus 50 anos comprometidos cunha educación de calidade

A directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, participa nos actos conmemorativos do aniversario

Xinzo de Limia (Ourense), 19 de xuño de 2025

A directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, asistiu hoxe aos actos organizados polo Colexio CEIP Carlos Casares de Xinzo de Limia con motivo do seu 50 aniversario. Alí expresou o recoñecemento da Xunta ao traballo desenvolvido polo centro ao longo destas cinco décadas. “A traxectoria deste colexio é un exemplo de compromiso co ensino público, baseado no esforzo colectivo e na dedicación de toda a comunidade educativa”, sinalou.

A representante da Consellería puxo en valor o labor conxunto de docentes, alumnado e familias e animounos a seguir construíndo unha escola centrada na equidade, na inclusión e na excelencia educativa. Neste eido de seguir mellorando o centro, a Xunta inviste este ano preto de 70.000 na instalación dun ascensor, co obxectivo de avanzar na accesibilidade e garantir que todos os alumnos poidan desenvolver a súa etapa educativa nunha contorna inclusivo.

O acto conmemorativo contou con actuacións do Conservatorio Profesional de Xinzo, a proxección de vídeos sobre a historia do centro e as intervencións de representantes da comunidade educativa, entre eles profesorado, o director do colexio e a presidenta da anpa.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 19/06/2025