A Xunta urxe ao Goberno central a mellorar as conexións ferroviarias con Ferrol
O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes participou no foro ‘Ferrol, tren de futuro’ para abordar a situación, retos e oportunidades do ferrocarril
Diego Calvo incidiu na desidia e na falta de xestión e de planificación, así como na necesidade de modernización das infraestruturas e materiais
Fronte a isto, o Goberno galego impulsou un estudo con propostas de mellora da mobilidade e o transporte ferroviario en Ferrolterra
Ferrol, 20 de xuño de 2025
O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, acompañado pola delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, participou hoxe no foro Ferrol, tren de futuro, onde abordou a situación, retos e oportunidades do ferrocarril. O conselleiro incidiu na desidia e na falta de xestión e de planificación do Goberno central con respecto a Galicia en materia ferroviaria e urxiuno a mellorar as conexións da área ferrolá.
Para Diego Calvo, o uso decrecente e a baixa competitividade das conexións de tren con Ferrol veñen derivadas duns tempos de viaxe excesivos, de infraestruturas e materiais obsoletos e de falta de mantemento. A isto súmase a ausencia da alta velocidade e de estación intermodal. Segundo sinalou, a maiores, Renfe, lonxe de mellorar a situación, suprimiu desde comezos deste mes o enlace directo con Madrid, incrementando o illamento da comarca.
Fronte a esta falta de compromiso do Goberno central con Ferrol, o conselleiro destacou o estudo Propostas de mellora da mobilidade e o transporte ferroviario en Ferrolterra, impulsado pola Xunta ante a falta de concreción do Estado.
O Goberno galego aposta, ademais de polas melloras ferroviarias, polo desenvolvemento dun nodo intermodal que facilite a conexión entre diversos medios de transporte. Con este obxectivo, propón a reordenación e melloras na infraestrutura para reducir os tempos de viaxe a 45 minutos e mellorar a funcionalidade e seguridade viaria, cun investimento estimado de máis de 250 millóns de euros. As actuacións prevén melloras puntuais no trazado, executar a variante de Betanzos, establecer novos puntos de cruce para incrementar as frecuencias, a electrificación da liña e a adecuación dos apeadeiros.
Sinálase tamén a importancia de potenciar a intermodalidade co desenvolvemento da Estación Intermodal de Ferrol, que precisaría dun investimento de 37 millóns de euros. Cómpre lembrar que tanto a Xunta como o Concello levan anos agardando a formalización dos convenios co Estado para esta obra a prol da accesibilidade e da funcionalidade, dado que Ferrol é a única cidade galega que non conta con esta dotación nin en obras.
O informe foille presentado o pasado mes aos representantes de todos os grupos municipais de Ferrol, nunha xuntanza na que a Xunta se comprometeu a reforzar as demandas da corporación en materia ferroviaria. De feito, desde o Goberno galego remitíuselle unha carta ao ministro de Transportes e Mobilidade Sostible solicitando unha reunión para tratar este tema e presentarlle o estudo, da que non se recibiu resposta.
Plan director do Corredor Atlántico
A exclusión de Ferrol da rede básica do Corredor Atlántico, con horizonte 2030, e a súa inclusión na rede global, con horizonte 2050, é, segundo o conselleiro, unha mostra máis da falta de compromiso do Goberno central con esta área. Nesta liña, insistiu na reclamación de coñecer o detalle do plan director, con compromisos, prazos e investimentos.
No foro abordouse tamén a importancia de mellorar as conexións ferroviarias do porto para garantir a saída eficiente de mercadorías. Así, apuntouse a necesidade de que forme parte da rede básica do plan director do Corredor Atlántico para ter apoio e investimentos europeos.