Poio acolle a exposición ‘O miliario das arxinas’, con esculturas do alumnado da Escola de Cantería de Galicia
O conselleiro de Educación visita a mostra que recolle os proxectos de fin de curso da Escola, que desde este curso funciona como centro integrado de FP
Poio (Pontevedra), 20 de xuño de 2025
O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez, visitou hoxe a exposición O miliario das arxinas, unha mostra que recolle os traballos de fin de curso do alumnado de Pedra Natural do Centro Integrado de FP Cantería de Galicia. A exposición poderá visitarse ata o 13 de xullo nas instalacións do propio centro.
O conselleiro, que estivo acompañado pola directora xeral de Formación Profesional, Eugenia Pérez, felicitou o estudantado polo nivel técnico e artístico das pezas, todas elaboradas en granito, e destacou que esta escola “é un exemplo de como tradición e vangarda poden convivir para formar profesionais altamente cualificados”. Este curso supón un fito para a Escola de Cantería, que pasou a ser centro integrado de Formación Profesional, recoñecendo oficialmente os seus estudos e permitindo que persoas tituladas en anos anteriores poidan acreditar a súa experiencia profesional.
A iniciativa O miliario das arxinas ten unha forte carga simbólica de lembranza dos últimos canteiros da vella escola, que deixan a súa pegada para que o seu legado perdure no tempo. Cada estudante estampará no miliario a súa sinatura como marca de oficio e símbolo de continuidade, convidando ás futuras xeracións a facer o mesmo. O nome Miliario das arxinas representa a antiga tradición romana de situar columnas cilíndricas nas vías para sinalizar as distancias.
Román Rodríguez subliñou a relevancia de iniciativas coma esta, “que non só dan visibilidade á nosa Formación Profesional, senón que tamén dignifican os oficios tradicionais e recoñecen o seu valor cultural e económico”.
Ademais, recordou que para o curso 2025/2026 o CIFP Cantería de Galicia ofertará catro titulacións de alta especialización cun total de 96 prazas. “Un salto cualitativo que contribuirá a recuperar e consolidar a cantería como unha profesión con futuro e con identidade propia”, concluíu.
Oferta curso 25/26
O centro conta cos ciclos de Alta Especialización en Pedra Natural, FP Básica en Reforma e Mantemento de Edificios e FP Dual Intensiva nas especialidades de Construción, Proxectos de Edificación e o novo Ciclo Medio de Escavacións e Sondaxes Dual Intensivo. Trátase de itinerarios formativos deseñados en coordinación co sector produtivo, coa finalidade de dar resposta a perfís técnicos moi demandados e mellorar a empregabilidade do alumnado. Desta maneira, todas as titulacións forman parte da aposta da Xunta de Galicia por unha Formación Profesional moderna e conectada co tecido empresarial.