Javier Arias participa na fase final da Liga Sénior 3x3 que organiza a Fundación Breogán

A Xunta colabora tamén co IV Torneo 3x3 na Rúa para categorías inferiores, que se celebra este sábado en Lugo coa participación dunha trintena de equipos

Lugo, 20 de xuño de 2025

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, participou esta tarde na fase final da cuarta edición da Liga Sénior 3x3, que organiza a Fundación Breogán, como integrante dun dos equipos. O torneo, que se desenvolveu en catro xornadas ao longo dos meses de maio e xuño, está dirixido a persoas maiores de 30 anos e ten carácter mixto.

Arias felicitou á Fundación Breogán polo labor que desenvolve “para divulgar os valores e a práctica do deporte” e destacou a colaboración da Xunta coa entidade para promover este tipo de iniciativas “que buscan incentivar a actividade física en todas as etapas da vida e, no caso dos máis novos, animalos ademais a desfrutar de alternativas de ocio saudables”. 

Categorías inferiores

O delegado lembrou que o Goberno galego colabora tamén co Torneo 3x3 na Rúa, para categorías inferiores, que se desenvolverá este sábado -de 16.00 a 21.00 horas- nas pistas exteriores do Pazo dos Deportes de Lugo.

Participarán 34 equipos de baloncesto formados por mozos e mozas nados entre os anos 2007 e 2016, que competirán nas categorías alevín, benxamín, infantil, cadete e júnior. A Fundación Breogán promove este certame como a última gran actividade da tempada de deporte base. 

Data de actualización: 20/06/2025