A Xunta mantén o compromiso de bonificar o 20% do prezo do transporte interurbano a partir do 1 de xullo a pesar da reducción do Goberno central A Xunta mantén o compromiso de bonificar o 20% do prezo do transporte interurbano a partir do 1 de xullo a pesar da reducción do Goberno central
O Estado minora dun 30% a un 20% a súa achega, mentres a Xunta mantén a rebaixa no prezo do 20% e todos os descontos autonómicos
Deste xeito a bonificación, antes do 50% entre ambas administracións, pasa agora ao 40%
Santiago de Compostela, 26 de xuño de 2024
A bonificación dos prezos do transporte interurbano, coa que a Xunta viña aplicando un 50% de desconto aos usuarios, quedará nun 40% a partir de xullo, tras reducir o Goberno central a achega estatal. Desde o 1 de xullo, o Estado minora dun 30% a un 20% a súa parte do desconto do importe dos bonos mensuais e títulos multiviaxe que desde setembro de 2022 se financia de xeito compartido entre os gobernos estatal e autonómico e que beneficiou a máis de 55 millóns de viaxeiros na comunidade. Esta rebaixa da bonificación do Estado terá como consecuencia o incremento dun 10% do prezo do billete, sempre que se realice o pago coa Tarxeta de Mobilidade de Galicia (TMG).
A Xunta mantén o compromiso de garantir o conxunto das bonificacións autonómicas no transporte interurbano durante 2025, con independencia das decisións do Goberno central sobre os seus descontos, polo que continuará incrementando nun 20% a parte estatal da axuda.
Ademais do autobús autonómico, a Xunta seguirá aplicando a bonificación por pago con tarxeta TMG no transporte marítimo da ría de Vigo e no tren na área de Ferrol, nas mesmas condicións para os usuarios que no autobús interurbano, asumindo integramente o desconto do 40% con cargo ao orzamento autonómico.
A Xunta mantén tamén todos os incentivos económicos dirixidos ao fomento do uso do transporte público. Entre eles, a Tarxeta Xente Nova e a Tarifa +65 coas que os menores de 21 anos e os maiores de 65 anos poden realizar ata 60 viaxes gratuítas ao mes en toda a comunidade.
O citado desconto adicional tamén se aplica a maiores do resto de vantaxes impulsadas a nivel autonómico, como a redución do 10% sobre a tarifa en efectivo, descontos adicionais do 15% para usuarios recorrentes e de ata o 50% para membros de familias numerosas, ou transbordos gratuítos dentro das áreas de transporte metropolitano.
No que se refire á Tarxeta Xente Nova, iniciativa posta en marcha pola Xunta en 2016, o Estado pasará a achegar o 50% da bonificación ata as 60 viaxes. Ademais, financiará ao 100% a gratuidade do transporte público ata os 14 anos. Con respecto á Tarifa +65, que tamén bonifica 60 viaxes mensuais gratuítas, a Xunta asumirá o 80% da bonificación aos maiores de 65 anos.