Belén do Campo asiste á xornada conmemorativa do 130 aniversario do Colexio Médico-Farmacéutico da Coruña

A delegada da Xunta destacou a importancia desta celebración como unha oportunidade para recoñecer o labor das persoas que contribuíron a sentar as bases da sanidade moderna en Galicia

A Coruña, 26 de xuño de 2025

A delegada da Xunta, Belén do Campo, acompañada pola directora territorial da Consellería de Sanidade, Cristina Pérez,  asistiu hoxe á xornada conmemorativa do 130 aniversario do Colexio Médico-Farmacéutico da Coruña, un acto que puxo en valor a longa traxectoria desta institución histórica e o seu papel clave na promoción da saúde, a ciencia e a cultura na cidade.

Durante o evento, o doutor Carlos González Guitián pronunciou unha destacada conferencia sobre a figura de Ramón Pérez Costales, fundador do Colexio Médico da Coruña, benefactor da cidade e mecenas de Pablo Ruiz Picasso durante a súa etapa coruñesa, cando o xenio da pintura era aínda un neno. A intervención serviu para reivindicar o legado de Pérez Costales como impulsor do progreso científico e cultural da Coruña no século XIX.

No acto participaron o presidente do Colexio Oficial de Médicos da Provincia da Coruña,  Luciano Vidán e a presidenta do Colexio Oficial de Farmacéuticos da Provincia da Coruña, Sara Catrain. Ademais, tamén estiveron presentes os presidentes da Real Academia de Medicina de Galicia, da Real Academia de Farmacia de Galicia e da Real Academia Galega, nunha mostra do respaldo institucional nesta data tan sinalada.

A delegada da Xunta destacou a importancia desta celebración como unha oportunidade para recoñecer o labor das persoas que contribuíron a sentar as bases da sanidade moderna en Galicia. Así mesmo, puxo en valor o papel do Colexio Médico-Farmacéutico da Coruña como referencia profesional e histórica ao servizo da cidadanía.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 26/06/2025