O CEIP Terra Chá de Román, en Vilalba, pecha os actos do 40º aniversario cunha festa de fin de curso o 1 de xullo

A Delegación territorial da Xunta acolleu a presentación do programa, que inclúe unha exposición de fotografías e material didáctico antigo, actividades para os nenos e nenas do colexio, música e unha foodtruck da campaña GALICIA SABE AMAR

Vilalba (Lugo), 27 de xuño de 2025

O Colexio de Educación Infantil e Primaria (CEIP) Terra Chá da parroquia de Román, en Vilalba, pechará os actos do seu 40º aniversario cunha festa especial de fin de curso o vindeiro martes, 1 de xullo.

A Delegación Territorial da Xunta acolleu hoxe a presentación das actividades previstas, coa participación do delegado territorial, Javier Arias, e o director do colexio, José Manuel López.

A programación inclúe unha exposición -que xa foi inaugurada esta semana- na que se poden ver fotografías de exalumnado do centro, material didáctico antigo e traxes rexionais elaborados polos escolares. Ademais, os nenos e nenas do CEIP poderán desfrutar de colchonetas, unha festa da escuma e outras propostas.

A xornada contará cunha das foodtrucks da campaña GALICIA SABE AMAR, da Consellería do Mar, que ofrecerá degustacións gratuítas de tapas elaboradas con peixe e marisco galego e con produtos de proximidade. O obxectivo deste programa é promocionar estes produtos para fomentar o seu consumo.

A celebración contará con varias actuacións musicais, entre elas a da orquestra Panorama, que animará o festexo a partir das 21,30 horas.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 27/06/2025