A Xunta achega información sobre os dereitos das persoas consumidoras nas actividades de lecer nunha nova sesión dos Venres de Consumo Responde
O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, destacou a relevancia da educación en materia de consumo e subliñou a importancia de que a cidadanía coñeza os seus dereitos como consumidores
Os Venres de Consumo Responde é unha iniciativa da Escola Galega de Consumo pola que dúas veces ao mes se organiza un encontro virtual aberto a toda a cidadanía onde formular consultas e informarse sobre temas de interese neste eido
Preto de 300 persoas participaron nas actividades celebradas na presente edición, entre outubro de 2024 e xuño de 2025, con temáticas como as facturas, as garantías, as rebaixas, a protección de datos de carácter persoal ou a intelixencia artificial
Santiago de Compostela, 27 de xuño de 2025
O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, acompañado da xerente do Instituto Galego do Consumo e da Competencia, Sol Vázquez, participou nunha nova edición dos Venres de Consumo Responde —a última deste curso— dirixida neste caso a informar ás persoas consumidoras sobre os seus dereitos nas actividades de ocio desenvolvidas durante o verán. Na actividade tratáronse temas sobre como actuar no caso de sufrir un atraso ou unha cancelación dun voo, dun tren ou doutro medio de transporte, incidencias coa equipaxe, co aloxamento ou coas problemáticas que poden xurdir desde o punto de vista do consumo na compra de entradas e asistencias a eventos de calquera índole.
Gabriel Alén sinalou a importancia da formación en materia de consumo e a necesidade de que toda a cidadanía estea informada e coñeza a normativa e os dereitos que lles asiste como persoas consumidoras e usuarias.
Formación para un consumo consciente
O Instituto Galego do Consumo e da Competencia, a través da Escola Galega de Consumo, realiza un labor fundamental na formación de consumidores conscientes, responsables e informados promovendo diferentes programas educativos como a actividade dos Venres de Consumo Responde, que dous venres ao mes se materializa na organización de encontros virtuais abertos a toda a cidadanía onde formular consultas e informarse sobre temas de interese.
Preto de 300 persoas teñen participado nas 20 actividades de Venres de Consumo Responde celebradas desde o mes de outubro de 2024 ata xuño de 2025, con temáticas como as facturas de luz e do gas, as garantías, as rebaixas, a protección de datos de carácter persoal, a vivenda, os servizos financeiros ou a intelixencia artificial.
Na procura deste obxectivo, o pasado ano 2024 a Escola Galega do Consumo desenvolveu máis de 520 actuacións formativas chegando a preto de 19.000 persoas, 180 centros escolares e perto de 14.000 alumnos e alumnas.