A directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán, recolleu o galardón co que se premia á Consellería de Sanidade polo seu labor de optimización da detección coa incorporación progresiva de novas vacinas ao calendario de inmunización

A saúde pública galega, galardoada na Gala da sanidade española polo seu labor a prol da prevención de enfermidades

O xurado tamén puxo en valor a posta en marcha de programas de estilo de vida saudable, como o Plan Obesidade Zero ou o Plan Inspira Saúde

O Centro Galego de Control de Prevención de Enfermidades foi eloxiado polo emprego das novas tecnoloxías para previr a irrupción de enfermidades

Santiago de Compostela, 29 de xuño de 2025

A saúde pública galega vén de ser galardoada na XX edición dos Premios á Administración Sanitaria, que organiza o diario especializado Redacción Médica, polo seu labor a prol da prevención e enfermidades na poboación galega. 

A directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán, recolleu o galardón co que se premia o labor da Consellería de Sanidade na optimización da detección pola incorporación progresiva de novas vacinas ao calendario de inmunización. 

A Gala da Sanidade Española recoñeceu a aposta do Goberno galego pola detección temperá de diversas patoloxías, poñendo en valor o seu programa de cribados poboacionais e o calendario de inmunización ao longo de toda a vida. Ambas as medidas sitúan á rede sanitaria pública galega á vangarda no sistema nacional de saúde.

Así mesmo, destacouse os programas vinculados aos estilo de vida saudables, como é o caso do Plan Obesidade Zero ou o Plan Inspira Saúde.

O xurado valorou de forma positiva que a saúde pública galega tomase unha nova dimensión grazas ao Centro Galego de Control de Prevención de Enfermidades, co emprego de diferentes sistemas de predición e as novas ferramentas tecnolóxicas para anticipar a resposta ante a irrupción de posibles enfermidades.

Data de actualización: 29/06/2025