A Xunta culmina as obras de mellora do hospital psiquiátrico de Conxo tras un investimento de máis de 712.000 €
Durante os últimos 11 meses acometeuse a reparación da súa cuberta, a limpeza e rexuntado das fachadas, o acondicionamento do patio interior e do claustro e a reparación do artesoado de madeira da planta baixa
A actuación permite gañar en eficiencia enerxética e solucionar filtracións
Santiago de Compostela, 29 de xuño de 2025
A Xunta rematou as obras de reparación da cuberta do Hospital Psiquiátrico de Conxo, que supuxeron un investimento autonómico de 712.550 euros.
O mosteiro de Conxo, que está xestionado pola Consellería de Sanidade a través da área sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza, foi obxecto de actuacións de mellora que se estenderon durante os últimos 11 meses.
As obras consistiron na reparación das cubertas do inmoble, mediante a colocación de tella cerámica curva, na instalación de illamento no trasdós do forxado de cuberta, así como na montaxe de ventás tipo “velux”.
Ademais acometeuse a limpeza e rexuntado das fachadas, o acondicionamento do patio interior e do claustro, e a reparación do artesoado de madeira da planta baixa.
Estas obras supoñen unha mellora enerxética importante, reducindo as perdas de calor no inverno e os aumentos de temperatura no verán, e permiten solucionar os problemas de filtracións de auga existentes ata o de agora.