Activo un incendio no concello coruñés de Lousame, parroquia de Tállara
O lume iniciouse ás 5,34 horas da madrugada de hoxe e, segundo as últimas estimacións, afecta arredor de 20 hectáreas
Santiago de Compostela, 2 de xullo de 2025
A Consellería do Medio Rural informa dun incendio forestal activo arestora no concello coruñés de Lousame, parroquia de Tállara.
O lume iniciouse ás 5,34 horas da madrugada de hoxe e, segundo as últimas estimacións provisionais, afecta unha superficie de arredor de 20 hectáreas. Para a súa extinción mobilizáronse polo de agora 1 técnico, 13 axentes, 15 brigadas, 12 motobombas, 1 pa, 4 helicópteros e 1 avión.
A Consellería do Medio Rural lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal. Ademais, existe un teléfono anónimo e gratuíto para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña sospeita ou coñecemento: 900 815 085. Así mesmo, toda a información actualizada sobre incendios forestais que acadan as 20 hectáreas poderá ser consultada na conta aberta de X (antigo twitter): @incendios085.