A Xunta destaca a importancia do proxecto ‘Twin NavAux’ para o impulso de sectores como o naval, a automoción ou a aeronáutica

O director xeral de Planificación Enerxética e Minas, Pablo Fernández Vila, participou na apertura institucional da xornada Tecnoloxías avanzadas nun xemelgo dixital intelixente, que contou coa presenza do experto en ciberseguridade, Chema Alonso

 

Vigo, 2 de xullo de 2025

O director xeral de Planificación Enerxética e Minas, Pablo Fernández Vila, subliñou esta mañá a necesidade de aproveitar as oportunidades que  brinda a era dixital para impulsar a innovación e o progreso tecnolóxico en sectores fundamentais para a economía galega como son o naval, a automoción ou a aeronáutica. 

“Un reto co que a Xunta de Galicia está firmemente comprometido a través da participación en proxectos como o Twin NavAux”, subliñou no marco da apertura das xornadas celebradas hoxe en Vigo baixo o título Tecnoloxías avanzadas nun xemelgo dixital intelixente. Casos de éxito-Proxecto Twin NavAux.

Fernández Vila lembrou que o programa Twin NavAux ten como principal obxectivo establecer unha base tecnolóxica e as condicións de formación do persoal necesario para facilitar a implantación masiva de xemelgos dixitais de produtos, tanto para o sector naval como noutros sectores produtivos da Eurorrexión. Un proxecto centrado en impulsar o uso desta ferramenta na industria auxiliar naval de Galicia e do Norte de Portugal que está cofinanciado pola Unión Europea a través do Programa Interreg VA España-Portugal (POCTEP).

O Twin NavAux conta cun orzamento que ronda os 1,4 millóns de euros dos que algo máis dun millón proveñen de fondos Feder e o resto achégano os socios do consorcio. Nomeadamente, e Xunto coa Xunta de Galicia, a Asociación Clúster do Naval Galego (Aclunaga), a Universidade da Coruña, o Centro de Apoio Tecnológico à Indústria Metalomecânica (CATIM), a Universidade Portucalense Infante Dom Henrique, e as empresas Ibercisa Deck Machinery SA, Industrias Ferri SA e Electrorayma SL

A xornada contou coa participación do experto en ciberseguridade, Chema Alonso, fundador, CEO e Charmain das empresas ElevenPaths e de Infomática 64, especializadas en ciberseguridade e formación, así como dos responsables dun importante número de empresas galegas e portuguesas que aproveitaron para mostrar os xemelgos dixitais que están a implantar e as tecnoloxías que os compoñen.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 02/07/2025