A Xunta licita por máis de 345.000 euros a reforma da área de espera do hospital de día oncolóxico do Hospital Naval de Ferrol
Esta actuación contribuirá a que o paso por este espazo dedicado a tratamentos sexa máis cómodo para os pacientes e familiares
As obras de mellora incluirán a dotación dun baño adaptado para pacientes ostomizados
As empresas interesadas en participar neste procedemento teñen de prazo ata o 28 de xullo para enviar as súas ofertas
Santiago de Compostela, 8 de xullo de 2025
A Xunta publica hoxe no Portal de Contratos Públicos de Galicia a licitación, por 345.671 euros, da obra de reforma da área de espera do Hospital de Día oncolóxico no Hospital Naval de Ferrol.
Este procedemento responde á necesidade de dar unha correcta cobertura sanitaria á poboación da área e dotar ao centro hospitalario dunhas condicións que permitan que os tempos de estancia dos pacientes poidan transcorrer nun entorno máis cómodo.
Deste xeito, o proxecto básico e de execución prevé a actuación en diversas áreas da zona de oncoloxía, a sala de espera do hospital de día ou os corredores de acceso que serven de sala de espera ao hospital oncohematolóxico, entre outros.
A maiores destes ámbitos, tamén se contempla a ostomización dun dos baños do hospital oncohematolóxico.
As empresas interesadas en participar neste procedemento teñen de prazo ata o 28 de xullo para enviar as súas ofertas. O prazo estimado para a realización das obras é de 4 meses.