A campaña `Non esquezas doar antes de veranear´ da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue chega ao Concello de Ames
En 2024 o municipio de Ames rexistrou 1.501 doazóns cunha taxa que acadou as 46 doazóns por cada 1000 habitantes e ano
Ames (A Coruña), 8 de xullo de 2025
A directora da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS), Marisa López García, visitou este martes a unidade móbil desprazada ata Bertamiráns, en Ames, para promover a campaña estival de doazón Non esquezas doar antes de veranear.
A iniciativa pretende sensibilizar á cidadanía da importancia de doar sangue nos meses de verán, co obxectivo de acadar as 27.000 doazóns que precisan os hospitais galegos para axudar a milleiros de doentes durante este período.
A unidade móbil de ADOS estará situada hoxe, martes, na avenida da Mahía de Bertamiráns, diante da praza, desde as 09,30 ás 14,30 horas e de 15,30 a 21,00 horas para atender a todas as persoas que desexen doar.
Esta iniciativa desenvólvese en 220 concellos galegos nos meses de verán, a época de maior dificultade para acadar as 400 doazóns de sangue diarias que precisan os hospitais, polo que é necesario poñer en marcha iniciativas para sensibilizar e impulsar á participación da veciñanza.
Concello solidario
No pasado ano 2024, o concello de Ames, rexistrou 1.501 doazóns de sangue, cunha taxa de 46 doazóns por cada 1.000 habitantes e ano, 7 puntos por enriba da media galega.
ADOS quere amosar o seu agradecemento pola colaboración do Concello de Ames e especialmente pola súa axuda e apoio nesta campaña estival, cuxo obxectivo é que os doadores habituais participen antes de desfrutar das súas vacacións, mobilizando tamén ás persoas que coñecen a importancia deste xesto solidario pero que levan tempo sen doar sangue.
Facilidades para doar sangue
Para facilitar a participación nesta campaña, as unidades móbiles de ADOS realizarán 800 desprazamentos para achegar a doazón de sangue a cidades, vilas e parroquias de toda Galicia ata o 15 de setembro. Tamén se levará a cabo un intenso labor informativo, en colaboración dos concellos, que achegarán información sobre a doazón de sangue ao tecido asociativo.
Hai que ter en conta que o sangue non se pode fabricar e soamente se pode obter grazas á doazón voluntaria das persoas. Os compoñentes do sangue que obtemos son vitais para atender a milleiros de doentes
Calquera persoa entre 18 e 70 anos que pese máis de 50 quilos cunha boa saúde pode achegarse ás unidades móbiles de ADOS ou aos locais de doazón de sangue nas sete grandes cidades, onde serán atendidos por persoal sanitario especializado.
ADOS lembra que doar sangue é un xesto sinxelo, xeneroso e solidario, e convida a toda a cidadanía, maior de idade e en bo estado de saúde, a participar nesta campaña e dedicar 15 minutos do seu tempo para salvar vidas. Doar antes de veranear é garantir que a sangue estará dispoñible cando máis se precisa.
Para máis información esta dispoñible a paxina web de ADOS:
Tamén nas redes sociais:
@doadoressangue
https://www.facebook.com/doadoressangue
https://www.youtube.com/@doadoressangue
E un teléfono gratuíto de información, 900 100 828 para resolver calquera dúbida relacionada coa doazón de sangue ou coñecer a data dos desprazamentos das unidades móbiles.