A Xunta destina máis de 185.000 € á dinamización de catro centros comerciais abertos do Salnés
A liña de axudas conta cun orzamento de 2,5 millóns de euros, dos cales preto de 900.000 quedarán nas asociacións da provincia de Pontevedra
O delegado territorial visitou a asociación Emgrobes, que recibiu unha achega de 44.000 euros
O Grove (Pontevedra), 8 de xullo de 2025
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, visitou esta mañá a sede da asociación de Empresarios Grovenses de Bens e Servizos (Emgrobes) con motivo das subvencións a asociacións de comerciantes sen ánimo de lucro para a dinamización dos centros comerciais abertos de Galicia.
Esta foi unha das catro asociacións de comerciantes da comarca do Salnés que recibiron unha subvención coa que se pretende potenciar o comercio local e de proximidade. No caso da entidade con sede no concello do Grove, a achega total foi de preto de 44.000 euros.
Tamén recibiron esta axuda as asociacións Centro Comercial Aberto de Vilagarcía Zona Aberta (51.946 €); Cambados Zona Centro (51.995 €); e Entretendas Centro Comercial Urbano de Sanxenxo (38.500).
Así, no caso de Emgrobes, esta achega permitirá realizar campañas de promoción e dinamización. En concreto, a asociación levará a cabo unha campaña de bonos coa que pretenden fomentar o consumo de proximidade, ademais de sorteos; actividades infantís; feiras de oportunidades; reparto de merchandising e agasallos; e campañas de publicidade e difusión en medios de comunicación locais.
En total, esta liña de axudas conta cun orzamento de máis de 2,5 millóns de euros, dos cales preto de 900.000 irán destinados a mellorar e dinamizar 22 centros comerciais abertos da provincia de Pontevedra.
O delegado territorial destacou o compromiso da Xunta co pequeno comercio e salientou a importancia deste tipo de medidas que “axudan aos pequenos empresarios a chegar de forma máis efectiva aos seus clientes, fomentando o comercio local e a economía de proximidade”.