A Xunta destina 36 M€ para a incorporación da mocidade ao agro e a mellora das súas explotacións

A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, visitou esta mañá en Cedeira a explotación de Vanesa Dopico, beneficiaria das axudas dirixidas a agricultores mozos da anterior convocatoria

Ata o 28 de xullo está aberta unha nova convocatoria destas axudas

Cedeira (A Coruña), 8 de xullo de 2025

A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, acompañada do alcalde de Cedeira, Pablo Moreda, visitou esta mañá en San Andrés de Teixido, a Vanesa Dopico, unha beneficiaria das axudas dirixidas ao establecemento de agricultores mozos da Consellería do Medio Rural na anterior convocatoria. Vanesa percibiu unha achega de 50.000€ por incorporarse a unha explotación gandeira, neste caso, de 21,2 hectáreas, con orientación vacún de carne e dedicada maioritariamente a cultivos forraxeiros.

Aneiros lembrou durante a visita que a Xunta ten aberto ata o próximo 28 de xullo o prazo de presentación de solicitudes dunha nova convocatoria de axudas dirixidas aos plans de mellora en explotacións agrarias e á incorporación de mozos. Estas achegas contan cun orzamento total de 36 millóns de euros e teñen como finalidade “seguir fomentando a incorporación da mocidade e seguir avanzando na remuda xeracional ao medio rural galego, unha prioridade para a Xunta que traballa con propostas que ofrezan oportunidades aos mozos”. Neste sentido, a mocidade pode solicitar axudas dun máximo de 320.000 euros para incorporarse ao agro e mellorar a súa explotación.

A primeira liña de axudas está destinada a financiar os plans de mellora dos mozos beneficiarios da convocatoria de incorporación do ano 2024, cunha dotación de 5,5 millóns de euros.

A segunda orde de achegas, cun orzamento de algo máis de 30,5 millóns de euros, diríxese ao establecemento de agricultores mozos e ao financiamento de investimentos destinados á modernización e mellora das explotacións agrarias. Con isto preténdese seguir fomentando a incorporación da mocidade ao medio rural galego, como é o caso de Vanesa, que resultou beneficiaria na convocatoria anterior desta liña.

A delegada territorial indicou que estas achegas se enmarcan no Plan estratéxico da Política Agraria Común (Pepac) “co obxectivo de facilitar o inicio da actividade produtiva aos mozos entre 18 e 40 anos e tamén favorecer que poidan completar o seu investimento na explotación”, indicou Aneiros.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 08/07/2025